CULTURA

Lírica, teatro, danza e ilusións na programación cultural de decembro

01/12/2009 O 2009 despídese cunha programación cultural ampla. Neste mes de decembro destaca o comezo do IX Festival de Zarzuela de Santiago Todo Lírica e coa celebración na rede municipal de centros socioculturais da Festa das Ilusións, coa figura do Apalpador como protagonista. Son dúas das caras dun programa no que se cruzan danza, teatro, música, exposicións e outras actividades.

Decembro será o último mes dun ano cunha gran participación nas programación cultural de Santiago. Así, a concelleira de Cultura, Socorro García Conde, adiantou que, sen contar a asistencia a Cineuropa, só en novembro pasaron polo Auditorio de Galicia 16.000 persoas.

A música será unha das grandes protagonistas do mes de decembro. O ciclo Todo Lírica chega á súa novena edición ofrecendo de novo zarzuela, pero abríndose tamén a outros estilos líricos. Comeza o martes 22 cun recital de canción napolitana, ópera e zarzuela a cargo de Simón Orfila, baixo, e Kennedy Moretti, piano. O luns 28 o recital estará dedicado ás cancións, a ópera e os tangos e o mércores 30 centrarase na zarzuela de autores como Sorozábal, Guridi, Arrieta, Luna, Morno Torroba e Penella.

O programa da Real Filharmonía de Galicia inclúe un concerto con obras de Brahms e Schubert o día 10, con Ros Marbá na dirección e Frank Peter Zimmermann no violín. O venres 18 terá lugar o concerto de Nadal, no que a Real Filharmonía estará dirixida por Maximino Zumalave, e que contará coa participación da soprano Katherine Fuge, a mezzosoprano Wilke te Brummelstroete, o tenor James Elliot, o barítono Marcus Eiche e o Coro Nacional de España.

A concelleira de Cultura destacou o concerto especial co que a Banda Municipal de Música celebrará o seu 160º aniversario, no que ofrecerá un recital con pezas compostas por membros da banda. Nun rexistro moi diferente. continúa o ciclo Sons da Diversidade, que este mes trae á Orquestra Árabe de Barcelona "que mestura sons mediterráneos e cultura árabe para falarnos de multiculturalidade e comunicación entre os pobos", sinalou.

Teatro, danza e unha exposición de novos valores
Entre as exposicións que se poden ver na cidade estes mes, o Auditorio de Galicia abre o mércores 2 de decembro unha das máis salientables, pola oportunidade que supón para coñecer novos talentos artísticos. É a mostra do VI Premio Auditorio de Galicia Novos Artistas 2009, do que se darán a coñecer os nomes dos premiados na inauguración.

As artes escénicas teñen unha presenza destacada en decembro. O xoves e venres desta semana Teatro do Atlántico leva ao Teatro Principal O xogo de Yalta. Afterplay, unha adaptación de textos narrativos de Chejov. Logo virán, entre outros espectáculos, o musical Glass City, de Teatro do Noroeste, a obra para público infantil El cabaret de las bestias, de Teatre Blanc e a estrea de , de Carlos Blanco. Os días 16 e 17 de decembro ofreceranse tres funcións dun dos títulos máis coñecidos de William Shakespeare: La fierecilla domada, dirixida por Mariano Paco Serrano.

Víctor Hugo Pontes vai ser o encargado de pechar o sábado 12 a programación de SCQ Danza do 2009, cunha función moi especial. Co título Manual de instrucións, nela "reflexiónase sobre a supervivencia dos individuos nas sociedades modernas", apuntou a concelleira de Cultura, e como é esa relación entre os individuos e os espazos. Nesta peza o coreógrafo portugués quere contar coa implicación do público, para o que está a buscar 12 persoas voluntarias, "que poden ou non ter coñecementos de danza", explicou o xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, e que traballarán nuns obradoiros durante dous días, para logo participar no ensaio xeral e na función. As persoas interesadas poden inscribirse no correo electrónico xamador@santiagodecompostela.gal ou no teléfono 981 542 347.

O Apalpador trae ilusións e Cirque Ici abre o 2010
O Nadal achegarase á rede de centros socioculturais da man dunha figura tradicional destas datas en Galicia, o Apalpador. Esta figura, que baixa das montañas para comprobar que as barrigas dos nenos e nenas están ben alimentadas, centrará as actividades da Festa das Ilusións. Será un evento que se celebrará o sábado 26 no Auditorio de Galicia, pero sobre o que antes se desenvolverán diversas actividades nos centros socioculturais, como obradoiros nos que "transmitir valores de solidariedade e respecto ao medio ambiente", indicou Socorro García. Xunto a esta festa, a programación na rede de centros socioculturais incluirá en decembro todo tipo de actividades: teatro, graffiti, maxia, etc.

Sen saír das datas de Nadal, a concelleira de Cultura deu a coñecer a primeira grande actuación do 2010. Os días 3, 4, 6, 7, 9 e 10 de xaneiro, o Cirque Ici instalará a súa carpa na praza da Música en Compostela, no exterior do Auditorio de Galicia. "Non se trata dunha proposta de circo ao uso, senón dun espectáculo para adultos máis próximo á danza contemporánea", sinalou. Cirque Ici é un espectáculo do francés Johann Le Guillerm, Gran Premio Nacional do Circo en Francia en 1996, considerado un dos últimos xenios inclasificables desta arte. Rodeado de enxeños mecánicos e efectos de luz, actúa el só no escenario, asistido por nove persoas.

Documentos relacionados



Compartir: