PLENO

O Pleno ratifica o apoio institucional á Facultade de Medicina de Santiago

26/11/2009 O Pleno municipal ratificou a declaración institucional do Consello Económico e Social en defensa da Universidade de Santiago de Compostela. Esta declaración fora aprobada polo Consello o 16 de novembro.

Nesta declaración ínstase ao Goberno da Xunta "para que a conselleira de Sanidade non actúe como parte no presunto conflito sobre a educación sanitaria, xa que como representante de todos os galegos debe actuar en favor do interese xeral".

O documento reclama que "a proposta dunha Galicia Única, que ven facendo o Goberno da Xunta, no caso da Facultade de Medicina -que é realmente única, representativa de Galicia e cunha solvencia e prestixios consolidados-, sexa verdade e actúe en coherencia con ese propósito.

O texto ratificado polo CES e polo Pleno apunta que a Facultade de Medicina da USC "é a Facultade de Medicina de toda Galicia, de acordo co mapa de titulacións establecido no concerto de creación das Universidades de Vigo e A Coruña, e polo tanto a responsable da formación dos estudantes de medicina na nosa Comunidade Autónoma". Tamén se recorda o cumprimento rigoroso da USC coas solicitudes do Estado e da Comunidade Autónoma en relación ao incremento de prazas de acceso á titulación.

Convencidos da disposición da USC para a mellor formación dos estudantes de medicina, solicítase ao Goberno de Galicia que se comprometa nese empeño, "moi especialmente no que respecta á docencia clínica no ámbito dos hospitais do SERGAS". Por todo isto, na declaración exprésase a sorpresa "diante das trabas que se están a poñer, en especial por parte da Conselleira de Sanidade, para a contratación por parte da USC de PACS nos hospitais do SERGAS e a súa participación na formación dos nosos futuros médicos".

Medalla para o Colexio Compañía de María
Na sesión ordinaria do pleno tamén aprobou por unanimidade a concesión da Medalla de Ouro ao Mérito Cidadá ao Colexio da Compañía de María de Santiago de Compostela, como agradecemento e recoñecemento do labor prestado ao longo de 250 anos.

Segundo se sinala no texto aprobado no Pleno "a proposta do outorgamento da Medalla de Ouro, na súa modalidade de Mérito Cidadá, ten lugar polos destacados merecementos que poidan contraer relevantes personalidades ou institucións españolas ou estranxeiras no interese da cidade. Así corresponde a esta proposta, en atención aos méritos que concorren nesta institución educativa e que a continuación se detallan, ao cumprirse o día 2 de novembro do presente ano, o 250 aniversario da súa presenza na cidade con dedicación á educación e formación dos escolares. Preténdese así homenaxear a unha institución pola que teñen pasado miles de alumnos de Santiago e da súa área de influenza".

A orde relixiosa da Compañía de María naceu hai 400 anos en Burdeos, (Francia) e estendeuse por toda Europa. Foi fundada por Santa Juana de Lestonnac co fin de educar ás mulleres, aínda que hoxe todos os colexios da Orde son mixtos e concertados, e están plenamente adaptados aos cambios culturais, sociais e históricos que marcan os novos tempos. O colexio forma aos seus alumnos humanística e intelectualmente de acordo co ideario que comparten mestres -na súa maioría laicos- alumnos e pais.

Foron seis relixiosas chegadas de Tudela e apoiadas polo arcebispo Rajoy, as que comezaron o camiño da Compañía de María en Santiago en 1759. Hospedáronse no antigo Hospital de San Benito do Campo, hoxe Praza de Cervantes, e alí estiveron ata 1765, ano no que se trasladaron á actual sede na rúa que leva o nome do colexio, rúa da Enseñanza, antes rúa General Aranda.

As monxas da Compañía de María foron pioneiras na creación da Escola de pais e nais, co fin de facelos partícipes da educación dos seus fillos e crear ao mesmo tempo unha canle de comunicación fluída entre a institución e as familias. Hoxe atende uns 1.200 alumnos de entre 3 e 17 anos, ao tempo que destacan pola súa participación na vida cidadá, traballando de xeito especial nos barrios de Compostela. Fundaron dúas escolas infantís, "Raiola" no Castiñeiriño e "A Casa do Neno" en San Lázaro, que continúa estando dirixida por elas. Tamén participan activamente como voluntarias en Cáritas, Proxecto Home, e no Cottolengo.

A proposta do alcalde remata sinalando que "por todo isto, coa admiración e respecto que merecen, tanto na dirección da institución educativa máis antiga da cidade, como nos proxectos nos que están socialmente involucradas, son merecedoras do recoñecemento que se propón".

Incorporación de crédito e crédito extraordinario
Por outra parte, a concelleira de Facenda e Orzamentos, Rosa Fernández, presentou ao Pleno un cambio de finalidade de financiamento de créditos incorporados do exercicio anterior, e un expediente de modificación de crédito extraordinario e suplemento de crédito. As medidas foro aprobadas cos votos favorables dos concelleiros do grupo de Goberno.

Na primeira das cuestións trátase de destinar partidas financiadas con créditos extraordinarios en exercicios anteriores a outros fins dos inicialmente previstos. Supón o cambio de uso de 450.166 euros.

No caso do expediente de modificación de crédito extraordinario, son algo máis de 320.00 euros que causan baixa nalgunhas partidas e se destinan a outras, en materias como centros socioculturais, bibliotecas ou mercados. O suplemento de crédito aprobado ascende a 1.303.860 euros, que tamén cambian de finalidade. A cantidade máis importante son os 609.704 euros destinado ao pago de facturas pendentes do servizo de limpeza, mentres que outros 170.000 euros incorpóranse a Incolsa. Tamén hai partidas destinadas á ludoteca de Fontiñas, ao edificio do Cersia, ao remate do pavillón de Fontiñas ou á actualización do IPC no servizo de transporte público.

Urbanismo
En materia de urbanismo o Pleno tomou coñecemento da presentación do documento refundido da modificación do estudo de detalle do polígono 4 do Plan Parcial de Fontiñas. O obxectivo fundamental do documento é modificar as rasantes para adaptalas á realidade topográfica na zona oeste do ámbito no contacto co camiño e edificacións existentes, e na zona leste para evitar alterar na medida do posible o curso do regato cós movementos de terras.

Ademais, aprobouse inicialmente a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal no ámbito do solo urbanizable delimitado número 7 (SUD-7), en Vite de Arriba. Os cambios pretenden una mellora da ordenación urbanística e unha mellor integración do sector no seu contorno. Inclúese unha modificación da conexión do sector coa rúa de Vite de Arriba e outra da delimitación da zona verde prevista no PXOM, para permitir a nova conexión proposta. Ademais, incorpórase ao sector unha serie de parcelas limítrofes.

Xa de xeito definitivo, deuse o visto bo ao estudo de detalle para a construción dun centro de supercomputación de Galicia nunha parcela do SUND-40, no futuro parque empresarial da Sionlla. Este estudo ordena pormenorizadamente a parcela de 16.317 metros cadrados onde se situará o complexo.

Finalmente, ratificouse o estudo de detalle na parcela H-1 do Plan de Sectorización do solo urbanizable non programado número 25 (SUNP-25). Roxos. O estudo ordena os volumes edificables da devandita parcela, fixando aliñacións xerais, rasantes, alturas e volumes envolventes máximos. Esta superficie ten un destino hoteleiro como uso principal.

Compartir: