IGUALDADE

Benestar Social e Igualdade dá un novo impulso á conciliación en Santiago de Compostela

26/11/2009 Santiago únese á iniciativa de levar a cabo un diagnóstico de usos de tempo na cidade, promovido pola Consellería de Traballo e Benestar. O Concello, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, realizou ao longo dos meses de outubro e novembro un proxecto no que se estimaron as necesidades de conciliación dentro da cidade, tendo en conta a estruturación e usos do tempo da poboación compostelá.

Asumido como un novo reto, a necesidade de redistribuír os tempos será trasladada á cidadanía a través das medidas propostas neste estudo, no que se conta coa colaboración de diversos axentes sociais e económicos do entorno. Leváronse a cabo máis de 250 contactos, os cales deron como resultado 35 reunións con asociacións de persoas maiores, de mocidade, culturais, de mulleres, ONGs, as fundacións máis representativas do Concello, así como axentes do ámbito educativo, empresarial e político.

Os obxectivos coa execución das accións previstas no diagnóstico son aportar solucións aos principias obstáculos atopados para promover a conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Deste xeito, esta iniciativa configúrase como un paso adiante en materia de igualdade e conciliación, liña na que se vai seguir avanzando nos próximos meses.

Compartir: