CULTURA

A obra de Claudia Brenlla clausura as sesións especiais "Emerxentes" de Cineuropa

26/11/2009 Culminan en Cineuropa as sesións especiais Emerxentes. A cuarta estará dedicada a Claudia Brenlla, cineasta galega nada no Brasil que presentará, a partir das 20:00 horas do xoves 26, na Aula Sociocultural Caixa Galicia, a curtametraxe Bata por fóra (Muller por dentro) e a mediometraxe documental O club dos sen teito.

No acto de presentación, que tivo lugar no Pazo de Raxoi, non puido estar presente a directora. A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, salientou que a curtametraxe que se presenta vén de ser recoñecida no festival de cine Mufest co segundo premio. Tamén lembrou que Claudia Brenlla, polo seu nacemento no Brasil, "reflicte constantemente na súa obra a relación entre o audiovisual galego e as cinematografías irmás do sistema lingüístico galego-portugués", como Cabo Verde ou o propio Brasil.

O director de Cineuropa, José Luis Losa, lembrou que Bata por fóra xa se proxectara na edición anterior do festival, e que amosou que Claudia Brenlla non só se centra nos temas etnográficos, senón que tamén amosa unha reflexión sobre a feminidade e a clase traballadora. "Este ano, como novidade, a cuarta sesión dedicada aos cineastas emerxentes presenta O club dos sen teito", explicou Losa, "onde amosa o movemento asociativo que se dá en Salvador de Bahía, no Brasil".

A mediometraxe que se presenta na Aula Sociocultural Caixa Galicia "asimila as directivas do movemento dos sen terra" e desenvólvese no antigo Club Social Portugués, tomado por este movemento asociativo, "que fixo unha ocupación ordenada, reflectida no filme, mediante un sistema democrático asembleario", avanzou Losa.

Compartir: