TURISMO

Santiago intensifica a súa promoción no mercado británico e alemán

11/11/2005 Londres, Frankfurt e Berlín serán escenario da intensa semana de promoción turística que emprende a empresa municipal de turismo para ‘vender’ á cidade como destino cultural, profesional e de aprendizaxe ante mercados que agora contan con enlaces aéreos directos cara ao aeroporto de Lavacolla.

Entre o 14 e o 17 de novembro, os representantes de Turismo de Santiago estarán presentes, un ano máis, na World Travel Market, a maior reunión mundial do turismo profesional, con preto de 5 mil expositores de 184 países e 45 mil compradores especializados.

Turismo de Santiago ocupará na WTM un mostrador dentro do pavillón de Turespaña para informar aos turoperadores de todo o mundo sobre os novos atractivos de Compostela como destino turístico, especialmente para os británicos, dado o bo funcionamento do voo diario de Ryanair que conecta ás capitais inglesa e galega, e que se engadiuen abril ao xa existente de Iberia.

Alí, o concelleiro de Turismo, Francisco Candela, cumprirá unha apretada axenda de reunións que inclúe un encontro co director da Oficina de Turismo Española en Londres, Ignacio Vasallo, para deseñar o plan de promoción de 2006 no mercado británico.

Ademais de asistir a un seminario sobre oportunidades de negocio para o destino no reino Unido, Candela entrevistarase con representantes da China Business Network, para tratar sobre o mercado turístico chinés; con representantes da municipalidade e da oficina de turismo de Roma, en relación coa rede turística Roma-Xerusalén-Santiago; e cos responsábeis de European Cities Tourism.

Citas en Berlín e Frankfurt
A empresa municipal de turismo tamén asiste o día 17 de novembro a unha xornada de traballo en Frankfurt, cidade que Air Berlín e Ryanair acaban de incorporar este mes ás súas rutas desde o aeroporto de Lavacolla.

A presentación, organizada polo Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas, está concibida como un encontro entre a oferta turística ligada ao patrimonio español e os profesionais do turismo cultural e dos medios alemáns. A presencia do Santiago de Compostela Convention Bureau no mesmo evento garante á cidade a súa promoción como destino de reunións e viaxes de incentivos.

Finalmente, Turismo de Santiago acudirá a Expolingua Berlín, feira profesional que se realiza na capital alemana entre o 18 e 20 de novembro. O evento está dirixido ao crecente segmento do mercado alemán e centroeuropeo interesado na aprendizaxe de linguas estranxeiras en destinos turísticos, polo que Santiago fará énfase na súa crecente oferta de cursos de español para estranxeiros.

Compartir: