CULTURA

Os Crebinsky desembarcan en Cineuropa cun espectáculo escénico e co avance da película

25/11/2009 Trátase da longametraxe galega máis agardada dos últimos tempos. Cineuropa acolle o avance de Os Crebinsky. O filme, que xa está rematado e se estreará de aquí a uns meses. No Teatro Principal proxectaranse ás 22:00 horas os primeiros vinte minutos da metraxe. E isto, aderezado cunha presentación escénico-musical na que participarán o equipo técnico e artístico e mais a banda dos Crebinsky, que interpretará en directo a banda sonora que Pablo Pérez compuxo para o filme.

Dirixida por Enrique Otero e escrita por e Miguel de Lira e o propio Otero, Os Crebinsky está rodada en 35 milímetros e financiada integramente por capital galego. Da produción executiva encargáronse dende o inicio Control Z e Chévere Visión -as produtoras de Otero e De Lira- e a elas sumóuselle posteriormente ZircoZine, a produtora fundada por Luís Tosar e Farruco Castromán en 2007.

Miguel de Lira explicou que a película non puido estrearse en Cineuropa porque apunta alto no relativo á distribución: os seus responsables están a procurar espazo nun festival de grande categoría como Berlín, Cannes ou Venecia, eventos que esixen exclusividade nas súas estreas. O que se poderá ver no Teatro Principal será a primeira bobina en 35 milímetros, é dicir, os primeiros vinte minutos dunha longametraxe que ten unha duración total dunha hora e media.

O universo Crebinsky, nacido daquela curtametraxe dirixida polo propio Enrique Otero en 2002, vese agora trasladado a unha historia de época. Trátase dunha road movie ambientada na Segunda Guerra Mundial, que leva aos Crebinsky nunha viaxe da costa ao interior na procura da súa vaca Muchka.

A carón de Miguel de Lira e Sergio Zearreta figuran no reparto outros nomes galegos como o propio Farruco Castromán, Celso Bugallo, Luís Tosar, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés ou Iolanda Muíños. Neste relato internacional, os personaxes falan galego, castelán, inglés, alemán e mesmo ruso. O propio Tosar encarna un oficial estadounidense, mentres que os actores Oliver Schultz e Oli Bigalke dan vida a dous soldados nazis.

Un proxecto cen por cen galego
Miguel de Lira destacou que a película puido facerse "porque a producimos nós, é dicir, financiouse desde o mesmo equipo de creación". Do contrario, o resultado final podería ter sido ben outro: "a película tivo moitas mozas á hora de financiarse, pero ao cabo sempre pretendían facer unha película distinta da que nós queriamos facer". Grazas a ZircoZine, a película saíu adiante sen menoscabo do proxecto inicial.

Ao fío, Farruco Castromán, responsable de ZircoZine, insistiu no propósito da súa produtora de respectar o guión orixinal "porque a película tiña forza por si mesma". Castromán referiuse ao filme como "un reto de todos", tanto polas esixencias económicas da rodaxe en 35 milímetros como polo feito de que o capital sexa integramente galego. O director, Enrique Otero, engadiu que o equipo de traballo é galego case ao cento por cento. "E non só iso, senón que sete ou oito xefes de equipo eran noveis, algo que non ten parangón no audiovisual galego", apuntou.

Distribución a dúas escalas
A intención é mover a película "como se fose cine americano", dixo Miguel de Lira. Por iso os responsables da película pediron o apoio do público para, a través de fórmulas interactivas na web da película -www.crebinsky.com-, esta logre un amplo respaldo popular, abondo como para abrir novas portas e favorecer a difusión de copias entre as distribuidoras estatais e internacionais.

Con todo, alén dos esforzos por levaren o filme polo mundo adiante, os seus responsables manifestaron a súa intención de realizar, se as empresas de distribución o permiten, un "Tour Crebinsky" en Galicia. Esta iniciativa consistiría en levar a película a vilas ou lugares do país que carecen de salas de cine, chegando aos públicos sen acceso mediante a proxección en prazas públicas ou casas da cultura.

Documentos relacionados



Compartir: