IGUALDADE

Jorge Viz González, de 4º de ESO do IES Rosalía de Castro, gaña o IX Concurso "Educando na convivencia en igualdade"

25/11/2009 Nun acto celebrado na Concellería de Igualdade, entregáronse os premios da IX edición do Concurso "Educando na convivencia en igualdade", que leva como lema "A miña visión sobre a violencia de xénero". Presentáronse 45 traballos.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, fixo entrega dos premios nun dos actos incluídos na celebración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero. O primeiro premio foi para o traballo realizado por Jorge Viz González, alumno de 4º da ESO do IES Rosalía de Castro. En segundo lugar quedou outra escolar de 4º do IES Rosalía de Castro, Carolina López García. O xurado tamén declarou como finalistas a outras dúas alumnas deste centro educativo: Paula López Espinosa e Cristina Míguez Devesa.

O xurado do Concurso estivo presidido pola concelleira de Igualdade, Mar Martín. Integrábano a concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez; Soledad Pita Sanjurjo, en representación dos centros de ensino; e María Dolores Lajos Castaño, en representación do equipo técnico da Concellería de Igualdade.

As alumnas e os alumnos, a través dun cartel e dun texto explicativo, tiñan que amosar a súa visión sobre a violencia de xénero. Os traballos serán expostos do 25 de novembro ao 11 de decembro. Con este concurso, a Concellería de Igualdade quere achegar mensaxes de sensibilización ao ámbito educativo, por considerar que do mesmo debe partir unha auténtica política de prevención e de educación en valores e na igualdade.

Compartir: