PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Participación Cidadá solicita ás asociacións a actualización dos seus datos

25/11/2009 A Concellería de Participación Cidadá está a remitir ás diferentes asociacións rexistradas en Santiago de Compostela un escrito, acompañado dunha ficha para cubrir, co fin de que actualicen os seus datos. É fundamental que no Rexistro Municipal de Asociacións se conte coa información actualizada de cada asociación para así manter unha comunicación fluída e como xeito de revitalizar as propias asociacións.

Cómpre lembrar que o artigo 17.2 do Regulamento de Participación Cidadá indica que "as asociacións inscritas están obrigadas a manter os seus datos ao día, notificando cantas modificacións se produzan no prazo máximo dun mes..." Por iso, e tendo constatados os datos actualizados de diferentes asociacións, a Concellería de Participación Cidadá solicita que lle sexa reenviada a ficha cos datos corrixidos á maior brevidade. Recórdase a título informativo que as asociacións que non actualicen os seus datos serán dadas de baixa no Rexistro.

Dende Participación Cidadá tamén se lembra ás asociacións que están obrigadas a presentar no Concello durante o primeiro trimestre do ano o orzamento, o balance económico do exercicio anterior e o programa anual de actividades. O incumprimento destas obrigas tamén habilita ao Concello para poder dar de baixa á asociación no devandito Rexistro Municipal de Asociacións (artigos 17.2 e 17.3).

Compartir: