CULTURA

Cineuropa celebra a Noite Crebinsky e programa a película sorpresa

24/11/2009 Cineuropa entra no seu último terzo coa semana máis cargada de pratos fortes na súa programación. O mércores 25, poderemos ver a primicia do filme galego máis esperado do ano na Noite Especial Crebinsky e o xoves 26 chega unha das citas máis carismáticas do festival: a sesión da película sorpresa. Xa o venres 27 afrontaremos a noite máis longa, cun maratón bizarro que inclúe títulos como Anticristo, Ilsa, a loba das SS ou Lesbian Vampire Killers.

Ademais, o programa do festival resérvase para este último tramo algúns dos títulos estrela da edición, como Soul Kitchen, de Fatih Akin; Fish Tank, de Andrea Arnold e Kynodontas, a película gañadora da sección Unha certa mirada en Cannes. Estas tres obras copan, xunto a Un prophete e A cinta branca, as candidaturas aos Premios do Cinema Europeo que se entregan a semana próxima.

Recen chegadas do festival de Xixón, proxectaranse tamén as ovacionadas Welcome e Les beaux gosses. E as mellores películas latinoamericanas do ano, as comedias La nana e Mal día para pescar así como a historia de amor no hipermercado Xigante, premiada en Berlín, coincidirán tamén neste apertado treito final da XXIII edición de Cineuropa.

Cal será e película sorpresa? Aí van unhas pistas...
A película sorpresa, que se verá o xoves 26 no Teatro Principal ás 22:00 horas, ten algo que ver coas profecías maias ou as predicións de Nostradamus. Será un filme sen dubida apocalíptico pero, tratándose de Cineuropa, xa imaxinan que será un apocalipses alonxado das tracas made in Hollywood. Nel, o fin dos tempos chega, despois do seu paseo por festivais de prestixio, con cóndores e top-models na súa cabeceira. O seu protagonista é un dos actores europeos máis relevantes da última década, e o que máis veces apareceu nesta edición do festival. E, última pista, a película acolle un desnudo integral de outro actor ao que tamén se puido ver desa guisa recentemente, só que aquí aparece no seu formato XXL.

Un maratón bizarro
O maratón do venres arrinca coa estrea da curtametraxe de Javi Camino "Un chico raro". E ese arranque freakie de luxo abrirá as portas de doce horas certamente bizarras que inclúen películas de terror xa de culto coma O dentista ou The descent, o rescate da xoia do sado-maso kitsch Ilsa, a loba das SS e a primicia vampírica de Lesbian vampire killers, moito máis proteica que os insípidos crepúsculos á moda.

Compartir: