MEDIO AMBIENTE

Ábrese o prazo para solicitar composteiros de uso domiciliarios

11/11/2005 O Concello distribuirá un total de setenta e cinco composteiros –estruturas de madeira ou plástico onde se depositan os residuos orgánicos para transformalos en compost-, ademais de ofrecer asesoramento técnico sobre a viabilidade e as posibilidades deste sistema.

A distribución dos composteiros farase considerando só aquelas vivendas que reúnan as condicións axeitadas, que dispoñan de horta ou xardín, e por estrita orde de solicitude, de conformidade cos criterios aprobados pola Xunta de Goberno o 7 de novembro de 2005.

Estes criterios especifican que os composteiros cédense en depósito para a súa utilización, sendo responsabilidade das persoas depositarias o uso axeitado dos mesmos, segundo as instrucións que se lles indiquen. Os usuarios deberán facilitar o acceso dos técnicos municipais, así como dar a información que se lles requira en cada caso. De non cumprir coas instrucións indicadas, o Concello poderá retirar os composteiros.

As persoas interesadas na obtención dos compostoiros poden presentar a súa solicitude no prazo de 10 días hábiles a partir deste luns, 14 de novembro, no Rexistro Xeral do Concello de Santiago, de luns a venres no horario de 9 a 14 horas.

O desenvolvemento dun programa de compostaxe domiciliaria foi aprobado en abril de 2003 cunha previsión de 150 composteiros. Unha vez comprobada a boa acollida deste sistema de autoxestión do lixo entre os veciños da zona rural do noso municipio e verificado que este sistema é acorde coas políticas europeas en materia de residuos, asignouse un segundo reparto doutras 93 unidades durante o ano 2004 e o primeiro trimestre de 2005.

Nesta nova campaña de reparto de composteiros a cantidade de composteiros que pretenden ceder en depósito é de 75, completando e ampliando as dúas distribucións feitas previamente.

Compartir: