CULTURA

A segunda edición do Compos Jazz traerá a Lee Konitz ao Auditorio

11/11/2005 O mítico saxofonista, que traballou xunto a Miles Davis durante dous anos, abrirá o 18 de novembro o Compos Jazz Festival 2005, que por segundo ano consecutivo pón en marcha a concellería de Cultura en colaboración coa Fundación Caixa Galicia e co club de jazz Dado Dadá.

O Compos Jazz Festival traerá ao Auditorio de Galicia entre o 18 e o 27 de novembro aos músicos galegos do J. Santandreu Cuarteto e do Telmo Fernández Cuarteto, cuxa formación integran tamén músicos portugueses, e a Bill Bruford´s Earthworks.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, espera que esta edición "supere en posibilidades o ano anterior", segundo manifestou durante a presentación do festival, onde estiveron presentes Patricia Maceira, en representación de Caixa Galicia, entidade patrocinadora, e Carlos Asorey, do xa mítico club de jazz compostelán Dado Dadá. Maceira destacou que a estreita colaboración que actualmente o Concello está a ter con Caixa Galicia fai que "ningunha cidade galega teña tanta variedade e tanta programación" coma Santiago de Compostela.

As entradas para os concertos pódense mercar a través dos teléfonos 902 434 443 981 571 026 e 981 573 979, na web de Caixa Galicia ou no Auditorio de Galicia á víspera e no mesmo día da actuación en horario de 12 a 14 horas e de 17 a 20 horas. Os días dos concertos o despacho de billetes pecha ás 21.

O prezo por entrada é de 12 euros e de 6 euros para estudantes e xubilados para os concertos de Lee Konitz e Bill Bruford’s Earthworks, mentres que para os concertos de J. Santandreu Cuarteto e Telmo Rodríguez Cuarteto a entrada custa entre 6 e 3 euros.

Documentos relacionados



Compartir: