CULTURA

Promoción Económica abre o prazo de inscrición na Edición de Nadal do Concurso de Escaparatismo

20/11/2009 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo abriu o prazo de inscrición na Edición de Nadal do VI Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping 2009, que finaliza o 4 de decembro. Dirixido a todos os comercios de Santiago de Compostela, ten como obxectivo contribuir á dinamización e mellora dos estabelecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe.

As bases do certame repartiranse entre os aproximadamente 2.500 comercios localizados en Santiago. Ao final das bases, que tamén se poden consultar na páxina web da Concellería, www.maiscompostela.org, hai un Boletín de inscrición, no que se poden apuntar os estabelecementos interesados. Unha vez cuberto este boletín, deben envíalo por fax ao número 981 554 296. Tamén se pode realizar a inscrición enviando un correo electrónico a escaparatismo@santiagodecompostela.gal, no que consten os seguintes datos: nome do estabelecemento, sector ao que pertence, nome e apelidos do propietario, enderezo, teléfono, fax e correo electrónico (se o teñen).

O Concurso de Escaparatismo, que este ano destina 36.581 euros a premios, divídese en catro edicións: primavera, verán, outono, e Nadal. En cada unha delas prémianse tres comercios. Na Edición de primavera os estabelecementos premiados foron Tokonoma Iluminación, Xoguetería Vagalume e Xocoátel; na de verán Pecados de Compostela, Óptica Pontecastro e Seguridade A-1; e na de outono Katuxa Platero Xoias, Xocoátel e Pecados de Compostela.

Os premios para os comercios gañadores consisten en campañas publicitarias a nivel local por valor de 5.156 euros para o primeiro clasificado en cada unha das edicións, de 2.306 euros para o segundo, e de 1.682 euros para o terceiro clasificado. O xurado no que se integran asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, valora especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. No certame prima tanto o escaparate como o interior do comercio.

Compartir: