EDUCACIÓN

Dous mil nenos de entre 4 e 7 anos participaron en dous concertos didácticos de Mamá Cabra

20/11/2009 A Concellería de Educación sumouse á celebración do Día Internacional da Infancia convidando a 2.000 nenos e nenas de 24 centros de Santiago, con idades entre os 4 e os 7 anos, a participar nun concerto didáctico do grupo Mamá Cabra. Deste xeito dáse resposta á recomendación que a Asemblea Xeral da ONU fixo en 1.954 para que este día se destinase a actividades que promovan o benestar da infancia do mundo.

Os dous concertos didácticos de Mamá Cabra foron unha ocasión para que pequenos e profesores coincidiran cos seus profesores nun acto festivo, organizado pola Concellería de Educación coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña. Os concertos incluíron o último traballo de Mamá Cabra, Todos os animais ao caixón, con cancións realizadas pola pedagoga e compositora Susa Herrera a partir dos contos Cu-Cú Sorpresa de Combel. Tamén houbo pezas doutros traballos e o grupo estivo acompañado de cinco voces.

O grupo Mamá Cabra está formado por cinco músicos: batería, frautas, gaita, baixo eléctrico, guitarra eléctrica e voz. O seu repertorio baséase en poemas de Gloria Sánchez, Ana María Fernández ou Concha Blanco, ademais de cancións propias e temas adaptados do noso folclore.

Nas súas actuacións buscan a participación de nenos e nenas propoñendo xogos como imitar xestos, facer acompañamentos rítmicos sinxelos ou repetir un pequeno retrouso, para rematar presentando os instrumentos que empregan dunha maneira lúdica e divertida.

Compartir: