ALCALDÍA

Alumnos de 6º de Primaria protagonizaron un acto no Concello con motivo do Día Internacional da Infancia

20/11/2009 O Salón Nobre do Concello acolleu un acto institucional con motivo da celebración do Día Internacional da Infancia, que nesta edición coincide co 20 Aniversario da aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno e a Nena (CDN). Máis de 20 alumnos e alumnas de 6º de Educación Primaria do CEIP López Ferreiro foron os protagonistas deste evento, no que deron lectura a unha selección de artigos da Convención.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu este evento, organizado coa colaboración de UNICEF-Galicia. Lembroulles aos nenos participantes a sorte que tiñan por vivir nun momento como o actual e convidounos a defender os seus dereitos. Tras referirse ao papel das institucións políticas en facer que se cumpran estes dereitos, tamén recordou que en moitos lugares do mundo non se respectan eses dereitos dos nenos e nenas.

Esta iniciativa segue a liña do compromiso municipal coa promoción de políticas dirixidas á poboación infantil. Neste sentido, o pasado 29 de outubro aprobouse en Pleno por unanimidade a proposta de adhesión do Concello ao Programa Cidades Amigas da Infancia.

Ademais do alcalde compostelán e do presidente de UNICEF-Galicia, Manuel Sández Macho, o acto contou coa presenza do vicevaledor de Menores, José Julio Fernández Rodríguez, e de representantes das policías local, autonómica e nacional: Norberto Villaverde, xefe da Policía Local; Juan Manuel Balebona Nieto, inspector xefe do Grupo de Menores; e Juan Castor Vázquez Salgado, xefe da Brigada Local da Policía Xudicial.

A CDN é un tratado das Nacións Unidas aprobado o 20 de novembro de 1989 e a primeira lei internacional sobre os dereitos do neno e a nena "xuridicamente vinculante", o que se traduce nun cumprimento obrigatorio para os Estados que a ratificaron. Reúne dereitos civís, políticos, económicos, sociais e culturais, reflectindo as diferentes situacións nas que se poden atopar os nenos, nenas, mozos e mozas de todo o mundo.

Os seus 54 artigos recoñecen que todos os menores de 18 anos teñen dereito ao pleno desenvolvemento físico, mental e social e a expresar libremente as súas opinións. Pero ademais, a Convención é tamén un modelo para a saúde, a supervivencia e o progreso de toda a sociedade.

Compartir: