ALCALDÍA

Santiago será interlocutor coa Comisión Europea para asuntos que afecten ás redes de cidades europeas

20/11/2009 Os representantes das cidades do Arco Atlántico coñeceron de man de Carlos Carnero, embaixador en misión especial para a Unión Europea, os obxectivos da inminente Presidencia española da Unión Europea.

Na xuntanza de Cidades Atlánticas mantida no Auditorio de Galicia púxose en común unha estratexia integrada das cidades atlánticas, que presentaron así mesmo as súas propostas para a presidencia española da UE. Esta estratexia implicará "unha concepción nova dos fondos as políticas europeas", segundo explicou Philippe Duron, deputado e alcalde de Caen e presidente da CCAA. Pola súa banda, Sánchez Bugallo destacou que o éxito ou fracaso de Europa dependerá en boa medida de que "os cidadáns se sintan europeos ou non", de que non sexa tan só "cuestión dos gobernos" o que pase na UE e da ampliación do "espazo de creación, desenvolvemento cultural e integración social".

Por outra parte, a proposta do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, a Comisión de Estratexia e Coordinación e o Buró Executivo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico aprobaron que Santiago sexa a interlocutora directa coa Comisión Europea para tratar asuntos que afectan ás redes de cidades -Eixo Atlántico do Noroeste peninsular, a recentemente creada RIET (Rede Ibérica de Cidades Transfronteirizas) e outras organizacións que se irán integrando máis adiante-. En xaneiro de 2010 haberá unha reunión definitiva onde se establecerán os estatutos desta Conferencia de Redes de Cidades.

Así, Santiago non só levará a cabo os traballos precisos, senón que acollerá a cerimonia fundacional desta rede o ano que vén, no marco simbólico do primeiro itinerario europeo: o Camiño de Santiago e o ano Xacobeo.

No encontro de hoxe participaron os alcaldes de Gijón, Avilés, Las Palmas, Figueira da Foz, Caen, Santa Cruz de Tenerife e Donosita e representantes municipais de Sevilla, Nantes Metrópole, Rennes e Cardiff. Como observadores, ademais do embaixador, estiveron presentes Aureliano García González Llanos, xerente da Oficina do plan estratéxico da Provincia da Coruña; José Clemente López Orozco, alcalde de Lugo; Dolores Riveiro, de GAME (Grupo de análise e modelización económica, da Universidade de Santiago de Compostela); José Ángel Vázquez Barquero, Director Xeral de Emprego e Promoción Económica de Ourense; e Xoan Vázquez Mao, Secretario Xeral do Eixo Atlántico.

Dentro do Buró Executivo, os membros da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico revisaron tamén o seu plan de acción de cara ao 2010.

Compartir: