CIDADE HISTÓRICA

As obras de reurbanización no ámbito do Cruceiro do Gaio crearán un novo acceso peonil cara o Carme de Abaixo

18/11/2009 A concelleira da Cidade Histórica e Rehabilitación de Santiago, Olga Pedreira, presentou as obras de reurbanización que se van acometer no ámbito do Cruceiro do Gaio. Esta actuación suporá o redeseño urbano da zona.

Pedreira referiuse "á nova posibilidade de acceso peonil cara o Carme de Abaixo" a través da reformulación do Campo das Hortas, onde se renovarán as beirarrúas no cruce coas rúas do Pombal e Entregaleras cun novo pavimento de lousas de granito. A concelleira explicou como o actual espazo verde será "reformulado para recuperalo como zona de descanso e transición que facilite o paso de peóns e cunha nova estrutura que mellore a accesibilidade en toda a zona".

Esta nova estrutura do paso das Hortas ao Carme verase continuada na transformación que sufrirá a calzada do Carme de Abaixo, que será peonil ata o encontro coa rúa Travesa do Carme de Abaixo, evitando o aparcadoiro dos vehículos e mantendo a continuidade visual. No total nesta zona reurbanizaranse 567 metros cadrados, que serán executados nun prazo de tres meses e cun orzamento de 231.940 euros.

Rúa do Cruceiro do Gaio e Poza de Bar
Na zona que corresponde co principio de Poza de Bar e coa rúa do Cruceiro do Gaio, a proposta reubanizadora ten como obxectivos recuperar a memoria histórica do lugar, conciliar o tráfico peonil co rodado, mellorar a relación entre o espazo privado e o espazo público, clarificar os espazos e racionalizar a distribución das infraestruturas. Todo isto tradúcese nunha potenciación do espazo de transito ao Campo do Gaio.

Nesta segunda zona de intervención urbanizaranse 696 metros cadrados de rúa cun orzamento de 231.833 euros nun prazo de execución tamén de tres meses. Entre as características máis destacadas destes traballos hai que salientar a resolución do desnivel entre a rúa e os accesos ás vivendas por medio dunha banda continua de escaleiras e gradas, así como a translación do cruceiro á súa ubicación orixinal, servindo de referencia histórica e visual do barrio.

Costa do Cruceiro do Gaio
A terceira zona deste ámbito que será reurbanizada é a que corresponde co Campo e coa Costa do Cruceiro do Gaio, onde se eliminará o transito rodado de subida e acoutarase a zona de aparcamento pasando da beira dereita, subindo a costa, a situarse na beira esquerda. Tamén será reformulado o patín que dá acceso ás vivendas engadindo as ramplas e modificacións necesarias que garantan que todas as casas sexan accesibles.

Esta zona é a única das tres que aínda non está contratada, e correspóndese con 2.807 metros cadrados. As obras teñen un orzamento de 906.823 euros e serán executadas en oito meses

Durante a súa intervención, a concelleira de Cidade Histórica estivo acompañada por Javier Fernández Muñoz, arquitecto e xefe de servizo da Oficina de Cidade Histórica e Rehabilitación dependente da Concellaría.

Compartir: