CIDADE HISTÓRICA

Olga Pedreira explicaralles aos veciños as obras de reurbanización de Raxoi, Trindade, San Clemente e Cruceiro do Gaio

17/11/2009 Os veciños das rúas de Raxoi, Trindade e San Clemente, xunto coa do ámbito do Cruceiro do Gaio poderán coñecer de primeira man todos os detalles das obras de reurbanización que en breve comezarán nestes barrios. A concelleira de Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, ten convocada unha reunión á que están convidadas todas as veciñas e veciños destas rúas para explicar polo miúdo como serán os detalles das obras, para recoller suxestións e para disipar calquera dúbida.

A xuntanza celebrarase o mércores 18, na sede do COAG, na Praza da Quíntana, a partires das 20:30 horas. Na mesma participará tamén Javier Fernández Muñoz, arquitecto e xefe de servizo da Oficina de Cidade Histórica e Rehabilitación dependente da Concellaría. Previamente, e como é habitual, estas obras xa foron presentadas ás asociacións de veciños e veciñas da zona, concretamente a AVV de San Lourenzo, AVV Compostela Vella e AVV Hortas Milenarias.

Obras de reurbanización
As obras das que se falará son as da rúa Raxoi, da rúa Trindade (tramo non incluído nas obras do FIL deste ano), da rúa San Clemente (2º tramo da rúa Raxoi), campo das Hortas, Cruceiro do Gaio e Poza de Bar e campo e costa do Cruceiro do Gaio. Pola súa dimensión destacan as intervencións a realizar na rúa San Clemente (793.847 euros) e no campo e costa do Cruceiro do Gaio (781.744 euros).

A intervención na rúa San Clemente e no segundo tramo da rúa Raxoi comprende unha renovación xeral dos acabados de calzada, beirarrúas e instalacións. Supón un ámbito de actuación entre as dúas partes de 3.314 metros cadrados. Esta actuación completarase co outro tramo da rúa Raxoi e coa rúa Trindade ata o tramo xa urbanizado cos fondos FIL.

No caso do campo e da costa do Cruceiro do Gaio, a actuación pretende recuperar a memoria histórica do lugar, conciliar o tráfico peonil co rodado e xerar espazos de uso entre fitos recoñecibles, entre outros. Estes mesmos obxectivos mantéñense para o seu enlace con Poza de Bar.

Na costa atenuarase o impacto do tráfico rodado, facilitaranse os percorridos peonís e acoutarase a superficie do aparcadoiro. En canto ao Campo das Hortas, mellorarase a súa calidade urbana, ampliando o espazo peonil e disolvendo o ámbito en tres zonas: campo das Hortas (o encontro dos vieiros), o espazo estancial e a calzada do Carme de Abaixo.

Os traballos serán financiados a través do convenio asinado coa antiga Consellaría de Vivenda e Solo, e suporá un investimento total de 3,5 millóns de euros na Cidade Histórica.

Compartir: