XUNTA DE GOBERNO

O Concello seleccionará 45 traballadores para un equipo de obras no ámbito do Urbana Santiago Norte

17/11/2009 A Xunta de Goberno aprobou as bases xerais de selección de 45 traballadores para equipos de obra urbana, que se ocuparán de obras de interese social no ámbito da iniciativa Urbana Santiago Norte. Entre outros asuntos, tamén se adxudicaron provisionalmente as obras de reurbanización urbana en dous novos accesos á cidade.

A presentación de candidaturas establécese entre o 20 de novembro e o 10 de decembro. Este proceso de contratacion de persoas desempregadas por un período de un ano, enmárcase na actuación 5.5 "Iniciativa Urbana de Obras e Emprego". Ten como obxectivos específicos a aplicación de políticas tendentes a disminuir o nivel de desemprego na zona Iniciativa Urbana, con atención especial aos colectivos con más dificultades de acceso ao mercado de traballo, implantando un sistema eficaz de execución de obras, a través de programas públicos de emprego que incentiven a experiencia e a reinserción no mercado de traballo. Ademais, oferta aos desempregados da zona norte de Santiago experiencia laboral e cualificación, a través da execución de obras no seu propio entorno social.

O Equipo de Obras e Emprego Urbana Santiago Norte está destinado a persoas desempregadas que poidan acreditar formación ocupacional ou regrada para os diferentes postos ofertados (42 oficiais de terceira e tres responsables de equipo), en situación de exclusión laboral e que residan en calquera dos seguinte lugares que configuran o ámbito de actuación do Programa Urbana Santiago Norte (USN): Vista Alegre, Romaño, Vite, Guadalupe, Salgueiriños, San Caetano, Basquiños, Ultreia, Espírito Santo, A Estila, A Almáciga, San Pedro, Concheiros , Belvís e Quiroga Palacios. Tamén terán prioridade os sectores de poboación con maior exclusión laboral: mulleres, persoas desempregadas de longa duración, mocidade sen experiencia profesional e persoas en situacion de maior vulnerabilidade.

As bases da convocatoria, xunto aos formularios de solicitude, pódense consultar e descargar, a partires do día 20, da páxina web da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo: www.maiscompostela.org.

Os postos ofertados son os seguintes: 20 oficiais de albanelería, seis de xardinería, tres de electricidade, tres de fontanería, tres de cantería/mampostería, tres de carpintería, dous/dúas encargados/as de albanelería e un/unha encargado/a de xardinería.

Obras
En materia de Obras, adxudicáronse provisionalmente dúas das obras de reurbanización dos contornos urbanos de acceso á cidade. Trátase do tramo de Rosalía de Castro entre Romero Donallo, Santa Marta, Choupana e Volta do Castro, e do tramo entre as rúas Galeras, Salvadas e Vista Alegre. O importe de adxudicación é, respectivamente, de 2.121.433 e de 2.837.123 euros máis IVE.

Tamén se determinou a empresa que realizará as obras de reforzo do firme nas vías públicas de Formarís, Igrexa e Gunín, en Enfesta, por importe de 74.296 euros máis IVE. Outra vía pública, a M-43-IV en Urceira (Eixo), acordouse incluíla no Plan de obras e servizos adicionais da Deputación da Coruña, cun orzamento de 76.484 euros.

Cidade Histórica
Outro grupo de obras sobre as que se falou na Xunta de Goberno atinxen ao ámbito da Cidade Histórica. En concreto, adxudicáronse provisionalmente as obras de reurbanización do espazo público da calzada de San Pedro, por importe de 299.686 euros máis IVE.

Ademais, eleváronse a definitivas as adxudicacións das obras de reurbanización da rúa Cruceiro do Galio e Poza de Bar, do campo das Hortas e da rúa Raxoi. Os importes de adxudicación son, respectivamente, de 169.877, 169.955 e 156.778 euros máis IVE.

Deportes
A proposta do concelleiro de Deportes, aprobáronse as bases da prestación do servizo de desenvolvemento do programa de actividade física adaptada no medio acuático. Destinaranse 19.158 euros a este programa, destinado a todas aquelas asociacións locais que agrupan a persoas con algún tipo de discapacidade.

Tamén se resolveu a convocatoria de subvencións destinadas ao fomento de actividades deportivas puntuais do ano 2009. Repartíronse 70.900 euros para 37 actividades.

Benestar Social
Finalmente, no ámbito de Benestar Social, adxudicouse provisionalmente o subministro de mobiliario e equipamento para a Casa das Asociacións de Servizos Sociais, por importe de 79.591 euros.

Documentos relacionados



Compartir: