ALCALDÍA

O Consello Económico e Social insta á Xunta a actuar con coherencia e non como parte no conflito sobre a educación sanitaria

16/11/2009 O Pleno do Consello Económico e Social, presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, aprobou unha declaración institucional en apoio á Facultade de Medicina de Santiago. Na mesma ínstase ao Goberno da Xunta "para que a conselleira de Sanidade non actúe como parte no presunto conflito sobre a educación sanitaria, xa que como representante de todos os galegos debe actuar en favor do interese xeral".

Na declaración reclámase que "a proposta dunha Galicia Única, que ven facendo o Goberno da Xunta, no caso da Facultade de Medicina -que é realmente única, representativa de Galicia e cunha solvencia e prestixios consolidados-, sexa verdade e actúe en coherencia con ese propósito.

O texto aprobado polo Consello Económico e Social apunta que a Facultade de Medicina da USC "é a Facultade de Medicina de toda Galicia, de acordo co mapa de titulacións establecido no concerto de creación das Universidades de Vigo e A Coruña, e polo tanto a responsable da formación dos estudiantes de medicina na nosa Comunidade Autónoma". Tamén se recorda o cumprimento rigoroso da USC coas solicitudes do Estado e da Comunidade Autónoma en relación ao incremento de prazas de acceso á titulación.

Convencidos da disposición da USC para a mellor formación dos estudantes de medicina, os integrantes do Consello piden ao Goberno de Galicia que se comprometa nese empeño, "moi especialmente no que respecta á docencia clínica no ámbito dos hospitais do SERGAS". Por todo isto, o Consello expresa a súa sorpresa "diante das trabas que se están a poñer, en especial por parte da Conselleira de Sanidade, para a contratación por parte da USC de PACS nos hospitais do SERGAS e a súa participación na formación dos nosos futuros médicos".

Documentos relacionados



Compartir: