TURISMO

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España presenta a súa oferta turística en Suíza

16/11/2009 Suíza estase convertendo, nos últimos anos, nun dos países emisores de turistas máis importantes para España, segundo os datos do Instituto de Turismo de España. Por este motivo, unha comitiva institucional do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España presentará esta semana a súa oferta turística no país helvético.

O número de turistas que nos visitou dende 2003 procedentes de Suíza, segundo Turespaña, oscilou entre 1 millón ese mesmo ano e 1,3 millóns en 2008. Polo tanto, trátase de un mercado estable e fiel. Ademais, Suíza é un país cunha grande estabilidade económica e o turista suízo ten un alto poder adquisitivo. Así, o seu gasto medio diario supera os 100 euros, por riba do turista irlandés, holandés ou alemán.

O suízo é un turista fiel e, na maioría das ocasións, son viaxeiros que xa viñeron con anterioridade a España. En concreto, o 83% dos turistas suízos que viaxaron a España en 2007 xa visitaran antes España. Os helvéticos veñen buscando lecer e vacacións, pero valoran especialmente a oferta patrimonial e cultural.

Todas estas razóns son as que motivaron que o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, a través do convenio de colaboración que mantén con Turespaña, teña decidido presentar a súa oferta turística en dúas das cidades principais da Confederación Helvética, en Xenebra e en Zurich.

Compartir: