MEDIO AMBIENTE

O Plan de Prevención de Incendios permitirá unha loita máis eficiente contra os lumes nos montes do municipio

16/11/2009 A concelleira do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel, Elvira Cienfuegos, presentou o Plan de Prevención de Incendios aprobado pola Xunta de Goberno na súa sesión do día 10. Conta xa tamén con visto bo da Dirección Xeral de Montes do goberno galego.

Este plan deriva da lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza, que ten o obxectivo de potenciar e mellorar a eficiencia da loita contra os incendios forestais, estrutura o planeamento da defensa en varios niveis: galego, de distrito, municipal e inframunicipal. Elvira Cienfuegos resaltou que "o documento vai ser moi valioso, por canto concentra e estrutura datos, procedementos e actuacións de cara a súa aplicación para a mellora da loita preventiva e de defensa contra os incendios forestais en Santiago".

A edil explicou como "o anterior goberno da Xunta posibilitou o establecemento de convenios cos concellos interesados en elaborar neste 2009 un Plan municipal de Prevención, a integrar no Plan de Distrito". Neste contexto o Concello asinou o convenio, en virtude do cal a Consellaría achegará 5.000 euros dun custe total de 11.500 euros. Proserga foi a empresa encargada de redactar este plano que abrangue os 220,60 quilómetros cadrados de Santiago e que conta cos seus 269 núcleos de poboación, unha área que Elvira Cienfuegos cualificou como "un ámbito amplo, delicado e complexo en relación a outros concellos de Galicia, e que ademais está considerado Zona de alto risco de incendio segundo Orde de abril de 2007".

"De carácter trianual, este plan integrarase no Plan de emerxencias municipal, e terá como obxectivo caracterizar o concello e estruturar, clasificar e organizar os seus medios, accións e obxectivos de acordo co Plan de Incendios galego" indicou a concelleira do Medio Ambiente, engadindo que "o documento completase con un conxunto de mapas a escala 1:25.000 e varios anexos con datos de climatoloxía, fauna, espazos e especies protexidas, características da rede viaria forestal, hidroloxía, formularios, datos de incendios en Compostela nos últimos anos"

Datos, procedementos e actuacións
No documento enuméranse todos os núcleos agrupados por parroquias detallando os condicionantes do medio natural como as características orográficas, a climatoloxía, a hidroloxía, a vexetación ou a fauna. Esta relación vai acompañada dunha síntese dos condicionantes socioeconómicos, no que se mostran datos da evolución da poboación e da súa ocupación por sectores.

Salientase tamén que o sistema forestal en Santiago representa o 52,7 % da superficie do municipio con un total de 11.615 has. Entre as parroquias que teñen máis superficie forestal destacan a da Sabugueira con 1.603 Has, que supón case un 60% do seu territorio, ou a de San Xoán de Fecha, con 1.530 Has, equivalente a un 73,5 % da súa superficie. A práctica totalidade do monte é de propiedade privada, cunha superficie media de 2.341 metros cadrados por parcela.

Os datos que recolle o documento son os correspondentes ao período 1999-2008, no que se rexistraron en Santiago 749 incendios, que se corresponde a unha media de 75 incendios por ano, e unha superficie queimada de 136,39 Has ao ano e cunha área media de 1,82 Has queimadas por incendio. Hai que destacar os datos do bienio 2007, 2008 cando diminúen considerablemente os lumes, con vinte e doce incendios, respectivamente.

Como puntos potencialmente perigosos identifícanse as gasolineiras, depósitos de produtos inflamábeis ou areas recreativas, entre outros, indicando tamén os puntos onde se pode proceder á captación de auga en caso de incendio. Tamén se determinan as zonas de actuación preventiva, destacando que gran lonxitude da rede viaria de Santiago que é de máis de 1.186 quilómetros, dos que 671, en asfalto ou terra, están en superficie forestal.

Planificación da extinción de incendios
A dificultade de extinción dos incendios tamén aparece recollida no Plano en función das necesidades e dificultades, creando unha escalar que toma valores entre 1 e 38. Seguindo esta escala un 77 % tería un valor por debaixo do 10, un 20% dos incendios situaríanse entre o 10 e o 20, e un 1,5% estaría nun nivel superior a 20

En función destes datos o plano estabelece prioridades nas actuacións de prevención, tanto sobre o territorio como sobre a poboación. Recollese nun mapa as parroquias segundo a prioridade de actuación e descríbese os medios dispoñibles, as infraestruturas de vixía, os medios de prevención e extinción e os procedementos operativos no caso de incendios.

Finalmente o Plan complétase coas normas de regulación de aproveitamentos e usos que poidan provocar lumes forestais: normas para queimas, para festas, para o acceso e circulación por zonas forestais en función do risco de incendio, etc.

Compartir: