CULTURA

Mabel Rivera recolle o Premio Cineuropa en recoñecemento á súa faceta de actriz e produtora

16/11/2009 O primeiro dos Premios Cineuropa desta 23ª edición leva un nome galego e rende tributo a unha dupla faceta pouco habitual na nómina de recoñecementos: a de actriz e produtora. Mabel Rivera recolleu este galardón pola súa carreira no Teatro Principal, nunha gala durante a cal se proxectaron Unha lousa sobre o Courel e O salario do silencio, os dous proxectos documentais que produciu e levou adiante con Henrique Banet.

Na presentación do premio, a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, destacou tres razóns polas que este Premio Cineuropa ten especial importancia: porque se premia a unha muller, porque se trata dunha figura galega que traballa dende o país e porque distingue en Mabel Rivera dúas facetas que o festival, alén dos cineastas, tamén quere recoñecer: a de actriz e a de produtora. "Tampouco é abundante a nómina de galegos e galegas que recibisen un Premio Cineuropa", engadiu Socorro García, algo que se explica polo feito de que o cine galego "atopa moitas máis dificultades que moitas outras industrias do mundo".

A concelleira de Cultura lembrou que Cineuropa tamén debe asumir o papel de recoñecer e axudar a difundir "ese cine que fala de cousas moi próximas a nós". Socorro García quixo salientar tamén a "mirada crítica e valente na defensa do país e dos seus valores" da que fai gala Mabel Rivera, unha mirada que "casa perfectamente con Cineuropa, que nunca escapa dos temas conflitivos".

"Eu sinto a Mabel Rivera como unha persoa moi próxima a Cineuropa", dixo o director do festival, José Luis Losa, en lembranza á gala do Premio Cineuropa a José Luis Guerín en 2007. A propia Mabel Rivera fora a presentadora desa gala, e tamén a encargada de dar ao público a noticia do pasamento, esa mesmo serán, de Fernando Fernán Gómez. "Fíxoo cunha elegancia e un saber facer que non se me esquecen", sinalou.

Tamén recordou Losa que a actitude combativa de Rivera cando se posicionou, a través dos documentais que produciu a carón de Henrique Banet, ante asuntos tan polémicos como a apertura da planta de gas na Ría de Ferrol ou a proliferación de canteiras no seo do Courel. Aquela actitude recolleu certas reaccións negativas entre algúns medios de comunicación, dixo. Agora é o festival o que se posiciona a prol da actriz, que, na opinión do seu director, "é quen honra a Cineuropa, e non á inversa".

Produción e interpretación
Mabel Rivera definiuse como "unha das actrices máis veteranas en idade, pero non tanto en traballo", e explicou que a súa bagaxe, malia ser prolongada, estivo durante moito tempo asociada a un reducido abano de papeis. "Ás veces, eses papeis non só non axudan, senón que poden lastrar unha carreira", recoñeceu en referencia á súa etapa no mundo da televisión en Galicia. "Os actores e actrices temos que cultivar as nosas outras posibilidades: a min salvoume o poder saír da televisión e deste cadrado noroccidental". Unha oportunidade que lle chegou da man de Alejandro Amenábar con Mar Adentro. Arredor deste asunto, Rivera laiouse porque "en Galicia adoitamos apostar polo cabalo gañador: é cando saes fóra cando se che comeza a facer caso".

Canto á súa segunda faceta, Mabel Rivera é produtora dos filmes O salario do silencio e Unha lousa para o Courel, filmes que serán proxectados no transcurso da gala de entrega do premio. Trátase de dous traballos comprometidos coas cuestións ambientais, mais tamén coa necesidade de evitar que certos "malos usos" asociados a certos poderes económicos callen en Galicia. "Trátase dunha maneira honesta de facer país, pero tamén de resolver un silenciamento -moitas veces interesado- de certos temas e de proxectalos ao público, sempre dun xeito totalmente independente", explicou Rivera.

Próximos proxectos
Mabel Rivera vén de regresar á televisión de man da serie O Nordés, que emite semanalmente a Televisión de Galicia. Pero tamén traballou en datas recentes na longametraxe Blackout, que rodou en inglés ás ordes do mexicano Rigoberto Castañeda en Estados Unidos. E ten á vista o seu regreso ás táboas, onde proximamente interpretará a Maria Callas nunha peza a medio camiño entre o teatro e a ópera.

Alén disto, Henrique Banet e mais ela teñen xa material gravado que dá para outros tres documentais. Tres novas propostas abeiradas na crítica do inxusto e no compromiso coa sociedade, mantendo a liña iniciada por O salario do silencio e Unha lousa para o Courel. "Os dous estamos moi agradecidos a Cineuropa por divulgar un traballo que se fai por enteiro desde Galicia e que fala de cousas que poden repercutir moi negativamente no futuro do noso país", finalizou Rivera.

Compartir: