PARQUES E XARDÍNS

Villestro conta cun novo parque infantil

12/11/2009 Os cativos e cativas de Villestro dispoñen xa dunha nova área de xogos e parque infantil na súa parroquia. A construción deste novo equipamento, impulsado pola Concellaría do Medio Ambiente, Parques e Xardíns, supuxo un investimnto 24.914 euros.

A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, inaugurou este novo parque infantil, que ten unha superficie total de 90 metros cadrados. Está equipado con solo de caucho continuo sobre o que se asenta unha plataforma con tobogán, escaleira, mastro de bombeiro e rede vertical de trepa. Alén desta equipo multixogo, a zona completase con dous xogos con resorte. Todo o parque está limitado por un valado de madeira de piñeiro tratada.

Unha demanda da veciñanza
O novo equipamento está construído co obxectivo de dispor dun espazo para o xogo infantil nunha área que xa é utilizada para o encontro e o lecer, como campo de festa ou como adro do CSC. O acondicionamento do espazo incorpora novos elementos de atracción e servirá como elemento para a socialización e o desenvolvemento da psicomotricidade de nenos e nenas entre 2 e 8 anos, ao tempo que facilita un punto de encontro para as persoas maiores. A área de xogo servirá para complementar as actividades que se programan dende o CSC de Villestro e facilitará tamén a relación entre os pais e nais ou outras persoas adultas mentres atenden os xogos das crianzas.

Os barrios e parroquias de Santiago precisan os equipamentos e infraestruturas necesarias para aumentar a calidade de vida da súa veciñanza. A concellaría do Medio Ambiente ten como firme obxectivo implementar políticas e accións de goberno que contribúan a ampliar o benestar dende unha perspectiva de desenvolvemento sustentable. Este novo recinto de xogo e lecer atende ao sentir e aos desexos dos veciños da parroquia de Villestro, dando satisfacción a unha demanda da Asociación Veciñal e substituíndo a anterior área de xogos que anteriormente rodeaba a antiga escola unitaria de Fraiz, que deixou de funcionar como tal hai tempo xa.

Compartir: