NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Premio Manuel Beiras recoñece un ano máis o labor de normalización do uso da lingua nas empresas

12/11/2009 O Concello e a Cámara de Comercio de Santiago convocan a décima edición do Premio Manuel Beiras. Este galardón tratan de recoñecer o esforzo que realizan as empresas do municipio no proceso de normalización do uso da lingua galega.

A distinción consiste nunha escultura creada por Acisclo Manzano que se lles entregará ás empresas galardoadas nun acto e cea de gala que terá lugar o 11 de decembro no Hotel Araguaney. A escultura acompañou á concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, e ao presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, na presentación desta nova convocatoria.

As empresas que desexen participar nesta edición teñen de prazo ata o 30 de novembro para presentar a súa documentación. Durante os primeiros días de decembro celebrarase a reunión do xurado, composto por tres representantes das empresas distinguidas en 2008; un representante do Concello, da Cámara de Comercio, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da USC, dunha asociación en defensa da lingua e do Colexio Oficial de Xornalistas.

O premio ten un contido simbólico e non supón ninguna prestación económica. As empresas e comercios premiados poderán amosar nos seus estabelecementos a posesión deste galardón como unha garantía máis de que respectan o idioma galego. "O papel do sector do comercio é moi importante para normalizar a lingua, xa que dende os comercios mantense un trato directo cos clientes", indicou a concelleira.

As empresas que desexen participar teñen que presentar unha proposta cubrindo un formulario que poden recoller na Oficina de Atención ao Público do Concello e na Cámara de Comercio ou nas súas respectivas webs (www.santiagodecompostela.gal / www.camaracompostela.com). Deben presentar tamén documentación que demostre o emprego do galego nas actividades da empresa ou comercio.

As categorías do premio son: empresas que veñan realizando un uso continuado do galego e aquelas empresas que se incorporaran recentemente ao seu uso. Tamén se poderá outorgar unha distinción especial a unha persoa ou entidade pola súa contribución á loita da normalización da lingua galega no mundo empresarial.

O nome do Premio Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista polo seu apoio á lingua, ademais de pola súa actividade como comerciante compostelán. "Foi un histórico comerciante compostelán, loitador da cultura e lingua galegas", apuntou Asorey.

Os galardoados na edición de 2008 foron: na categoría de nova incorporación, A Navalla Suíza; na categoría de empresas cun uso continuado do galego, Tórculo Artes Gráficas; e con distinción especial, o Centro Comercial Área Central.

Compartir: