COMERCIO

Un tratamento de chocolaterapia gaña o concurso "Regalar custa pouco"

12/11/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou os produtos gañadores do II Concurso catálogo de promoción comercial de Compostela Regalar custa pouco; un programa que ten como obxectivo potenciar as compras nos establecementos comerciais da cidade durante o Nadal.

O primeiro premio, de 750 euros, foi para o Chocolaterapia, un tratamento corporal a base de chocolate en cabina, cun prezo de venda de 37 euros, presentado polo centro de estética Saúde e Beleza. O segundo premio, de 350 euros foi para Bolso de pel con asa de corno de vaca, cun prezo de venda de 100 euros, presentado por El Club Baltassara. E o terceiro premio acadaouno Chaveiro en forma de ovella negra, elaborado en pel de vacún, cun prezo de venda de 8,5 euros e presentado pola tenda de marroquinería Media Lúa.

A maiores dos premios en metálico, os produtos e comercios gañadores contarán cun espazo publicitario gratuíto na prensa local. Ademais, entre os comercios que se presentaron sorteáronse cinco cheques de consultaría de servizos técnicos especialistas en interiorismo e decoración, que recaíron en Saúde e Beleza, Eloy Gesto, Media Lúa, PC Box e Lejano Sur.

No segundo concurso Regalar custa pouco inscribíronse 86 produtos, pertencentes a 16 estabelecementos comerciais. Como na edicion anterior, as propostas de agasallos clasifícaronse en seis categorías, dependendo do prezo de venda ao público: ata 5 euros, ata 10, ata 20, ata 30, ata 50 e ata 100 euros. Cada comercio podía presentar unha candidatura por cada rango de prezos. Escolléronse 65 produtos para o catálogo: 10 de ata 5 euros, 10 de ata 10 euros, 12 de ata 20 euros, 11 de ata 30 euros, 13 de ata 50 euros e 9 de ata 100 euros.

Na decisión do xurado tívose en conta a especialización dos produtos, a relación calidade-prezo e a novidade e orixinalidade no concepto de envases e embalaxes. Todos os produtos seleccionados deberán figurar na oferta habitual do estabelecemento, como mínimo durante os días que dure a campaña, do 25 de novembro ao 31 de decembro de 2009.

Catálogo
Despois de seren fotografiados, os produtos seleccionados serán incluídos no segundo catálogo Regalar custa pouco, xunto a identificación, enderezo e horario de apertura do comercio. Editado pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio, distribuírase en diferentes entidades (Concello de Santiago, bibliotecas, centros socioculturais, etc.) e a través de distintas accións de animación en rúa. Trátase dunha publicación cunha tirada de dez mil exemplares, que se elaborará cun deseño atractivo, destinada ás compras de Nadal e con prezos asequibles e pechados.

Compartir: