EDUCACIÓN

Santiago de Compostela únese ao recordo das vítimas da violencia viaria

12/11/2009 O 15 de novembro celébrase o Día mundial en recordo das vítimas da violencia viaria. A cidade de Santiago unirase a esta conmemoración cunha serie de actividades a celebrar o día anterior, o sábado 14 de novembro.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, e a presidenta de Stop Accidentes, Jeanne Piccard, presentaron estes actos, insistindo na necesidade da concienciación cidadá e política sobre este tema. Nesta dirección, Piccard destacou que en breve se vai celebrar en Moscova unha reunión de ministros de Transportes "para falar por primeira vez de seguridade viaria". Tamén se referiu á rede iberoamericana de asociacións que loitan contra a violencia diaria que se está impulsando dende Stop Accidentes e na que se implicará a 17 países.

En canto aos actos previstos para o 14 de novembro, abriranse ás 11:30 horas cun obradoiro para nenos e nenas denominado "Panel do recordo". Neste taller, coordinado por monitores da Concellería de Educación, traballará sobre elementos, textos e material fotográfico relacionado coa educación viaria. Irase conformando un "panel de recordo das vítimas" onde todas as persoas que ao longo da mañá discorran praza poidan deixar constancia da súa solidariedade con este tema.

A continuación, ás 13:00 horas, lerase un manifesto, intervirán diversas autoridades e gardarase un minuto de silencio polas vítimas da violencia viaria. No acto participará o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e diversas autoridades políticas e sociais de Santiago e Galicia.

Neste manifesto indícase que debe ser a sociedade civil a que "ten que esixir o seu dereito á vida e á non violencia contra as persoas". Esíxese que se cumpra o decálogo da Declaración de Xixón 2009 sobre cidade, convivencia e seguridade viaria. Entre outros asuntos, este documento reclama a creación urxente de oficinas de atención ás vítimas de tráfico, a protección dos máis vulnerables ou solucións para unha mobilidade segura e sostible.

"Debemos conseguir un pacto político e social para cambiar o drama pola xustiza e que sexa unha xustiza preventiva e eficaz para apartar o delincuente das estradas", di o manifesto. Neste sentido, destaca que a nova Lei de seguridade viaria contempla que os ingresos por infracción se van a destinar, entre outras, ás asociacións de vítimas de accidentes de tráfico. "A violencia viaria é un asunto de Estado; é tamén responsabilidade de todos os gobernos porque a catástrofe é mundial", engade.

Compartir: