ALCALDÍA

O Pleno pronunciarase en defensa da Facultade de Medicina de Santiago

11/11/2009 "Con coherencia e en base ao interese xeral". Así solicitou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, á conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, que actúe na polémica sobre a convocatoria de prazas de docentes pola Facultade de Medicina. En troques disto, dixo, "está a actuar como parte" neste tema. O Pleno municipal pronunciarase sobre este tema na sesión ordinaria deste mes de novembro.

Sánchez Bugallo lamentou que "quen ten a responsabilidade autonómica actúe como parte, en función dun interese particular". Por iso, pediu á conselleira "que actúe como conselleira de Galicia e non como concelleira" e que "facilite a formación dos profesionais".

Para contextualizar a polémica, o alcalde recordou que "a Facultade de Medicina veu cumprindo rigorosamente as instrucións do goberno galego en canto ao número de prazas que se debían convocar cada ano. Se non hai máis prazas é porque non se dou indicación". Neste sentido, animou á conselleira de Sanidade a que se entende que é necesario que se aumente o número de prazas, o faga. De feito, apuntou que el mesmo cre necesario que pasen "como mínimo a 375 e se é posible ata 400 prazas". Nos dous últimos anos convocáronse 350.

Recordando o sistema empregado, dixo, "entendeuse que se tiña que por en valor dende o punto de vista formativo o conxunto da rede hospitalaria de Galicia, con especial os hospitais de cabeceira. Hai persoas que no hospital de Coruña e Vigo teñen esa condición de docentes da Facultade de Medicina de Santiago".

Situación desconcertante
Fronte a esta situación de normalidade durante anos, apuntou Sánchez Bugallo, "sorprendentemente convértese en algo extraordinario". "Resulta desconcertante que se pretenda que docentes da USC pasen a ter a condición de docentes doutra universidade, ou que universidades que non teñen esa titulación pasen a ter docentes dunha titulación da que carecen, e que se poñan trabas á USC para cubrir as súas necesidades", engadiu.

O rexedor municipal considera que o sistema actual "é o óptimo para formar os mellores profesionais e para que estes, cando teñan o seu título, gocen do respecto e do recoñecemento que merecen". A este respecto e preguntado pola decisión da USC de non renunciar á convocatoria, manifestou que "non debe renunciar, porque non hai ningún imperativo legal e porque sería renunciar a formar eses profesionais".

Volvendo ao cambio de posición da Administración autonómica, o alcalde demandou que "nesta Galicia que nos din que vai a ser única, o de única sexa de verdade". Pediu que "non se poñan dificultades e se colabore ao máximo para que a Facultade poida cumprir o seu labor".

Xa en clave municipal, anunciou que no Pleno ordinario deste mes de novembro debaterase este tema, co obxecto de adoptar un acordo en defensa da Facultade de Medicina de Santiago. "Pediremos ao PP de Santiago que peche filas coa cidade en defensa da Facultade de Medicina", dixo. Tamén comunicou unha reunión do Consello Económico e Social para falar sobre este tema e para fixar unha posición ao respecto.

Compartir: