XUVENTUDE

Xuventude pecha a súa programación de 2009 con dez novas actividades

10/11/2009 O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, presentou o programa de actividades formativas do departamento para os meses de novembro e decembro. Coincidindo co inicio do novo curso, Baqueiro indicou que se desenvolverá un primeiro paquete de actividades para dar continuidade á proposta cultural e educativa de todo o ano, resultado da colaboración entre profesionais e colectivos, que dará acollida a mozos e mozas con diferentes motivacións.

O novo grupo de propostas inclúe actividades moi variadas. Son dez cursos e talleres que se desenvolverán no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, no Parque do Paxonal e na Sala Capitol.

En concreto, o martes 17 de novembro inauguraranse dous cursos: Perda de medo aos cans e Taller da capoeira Angola. Ao día seguinte comezarán a impartirse os cursos de Perfeccionamento de fotografía analóxica e a Aula de educación canina: curso para cans de familia. Nesa mesma semana comezará o curso de Perfeccionamento de fotografía dixital. O retoque fotográfico con GIMP. Xa na última semana de novembro darán comezo os cursos de Expresión corporal, Breakdance e Realización de documentais. Por último, no mes de decembro comezará o curso de Expresión da voz. (O Taller de teatro, dirixido polo director da Aula de Teatro da USC, Roberto Salgueiro, ten a data sen confirmar).

Baqueiro destacou que só quedan pendentes de convocar actividades deportivas coma o sendeirismo ou a bicicleta de montaña. que se aprazan ata a primavera á espera do bo tempo. "Xa realizamos o 90% das actividades previstas para este ano, e estamos pendentes de organizar as deportivas", explicou o concelleiro.

Concerto e entrega de premios
Outra liña de traballo do departamento é o ocio alternativo na Sala Capitol, para o que se formularon varias actividades, como a segunda edición de MúsicaXove. Baqueiro convidou a toda a mocidade a presenciar a entrega de premios do 2º Certame MúsicaXove (nas modalidades de metal, hip-hop, canción de autor e pop-rock), que se celebrará o xoves 12, ás 21:30 horas, na Sala Capitol. Contará coa asistencia do director xeral de Xuventude da Xunta, Ovidio Rodeiro; do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo; e do concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro.

A música poraa o grupo Lamatumbá, que presentan o seu último traballo discográfico, Paraugas Universal, despois de percorrer durante o verán todas as festas de Galicia. Estarán acompañados polos gañadores na categoría de canción de autor desta segunda edición, Liridade Noctámbula. A entradas, de balde, xa se esgotaron.

Premios:

- Catro primeiros premios, un por modalidade, de 2.000 euros cada un: metal, The Codename; hip hop, Tramaturgia; pop-rock, Dirty Socks; e autor-folk Liridade Noctámbula.

- Catro segundos premios, un por modalidade, de 1.000 euros cada un: metal, The Weak Force; hip hop, Mito Escrito; pop-rock, Frab Fly; e Roberto Sobrado, autor-folk.

- E catro terceiros premios, tamén para cada modalidade, de 500 euros cada un: na modalidade de metal, Soño Eterno; en hip hop, Bronquitis Crónica; Agoraphobia, de pop-rock; e Perpetradores de Actos en autor- folk.

É o segundo concerto que organiza o Departamento de Xuventude como alternativa ao ocio xuvenil e nocturno. Os máis novos terán a oportunidade de asistir a un concerto cada mes, onde actuarán un cabeza de cartel e un grupo dos Locais Municipais de Música para a Xuventude de Compostela (que actualmente contan con máis de 40 bandas) que participaron na segunda edición do certame. "A idea é converter a cidade no centro da movida musical galega, con actuacións de grupos en directo (como o Ciclo Importa Santiago D.C. que continúa nestes meses), e ir medrando cara o Xacobeo 2010", indicou Baqueiro.

Compartir: