XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica as obras de reurbanización da rúa do Espírito Santo

10/11/2009 A Xunta de Goberno adxudicou provisionalmente as obras de reurbanización da rúa do Espírito Santo, por importe de 419.109 euros máis IVE. Entre outros asuntos, o Goberno local tamén deu o visto bo ao Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais.

A reforma da rúa do Espírito Santo consistirán nunha redefinición dos seus espazos públicos. Así, vanse substituír as beirarrúas, chanzos, e demais elementos por novas lousas de granito, que favorecerán os usos peonís sobre a circulación rodada. O enlousado de pedra ocupará todo o primeiro treito da rúa. No segundo tramo anchearanse as beirarrúas, que continuarán en lousa, mentres que na calzada se introducirá adoquín negro, para no final da rúa facer a transición á Praza de Ultreia co uso de formigón.

As plataformas de pedra, onde se sitúan as tradicionais arquetas das conducións históricas da auga, serán recuperadas para o uso veciñal, demoléndose unha delas. Construiranse novos accesos ás vivendas e mesmo unhas escaleiras ao final da plataforma.Ademais, restaurarase a fonte como elemento singular.

Tamén no ámbito do Casco Histórico, adxudicáronse provisionalmente as obras de reurbanización da rúa Trindade, neste caso por un importe de 111.165 euros. Renovarase completamente estar rúa, tanto nos acabados da calzada como nas beirarrúas.

A superficie de intervención será 488 metros cadrados, dando un maior protagonismo aos usos peonís e creando unha maior uniformidade desta rúa Trindade con San Clemente. Para iso utilizaranse as lousas de pedra como único material.

Medio Ambiente
En materia de Medio Ambiente, aprobouse o Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais no municipio de Santiago de Compostela, ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre o Concello e a Consellería de Medio Rural. Este Plan determina as accións necesarias, tanto silvícolas como organizativas, informativas, educativas ou de calquera índole, para a defensa contra os incendios forestais.

O documento contén unha análise da situación actual do concello, avaliando o risco de incendio, determinando tanto as zonas como as prioridades de actuación, definindo a estrutura organizativa e procedementos operativos de emerxencias. Tamén se regulan aproveitamentos e usos que poidan dar lugar a lumes.

A propósito da prevención de incendios, acordouse o outorgamento de subvencións para a prevención de incendios forestais en montes do Concello por importe de 6.999 euros.

Reforma Administrativa
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a solicitude de participación do Concello de Santiago no programa piloto de Televisión Administrativa IP. Consiste no despregamento dun sistema de televisión cuxo contido se recibe por internet. A participación nesta iniciativa deberá ser formalizada mediante a sinatura dun convenio específico entre o Concello e a Fundación Española de Municipios e Provincias.

Festas
No ámbito de Festas, aprobouse o prego de cláusulas e iniciouse o expediente para contratar o arrendamento de carrozas para a cabalgata de Reis 2010. O tipo de licitación fixouse en función de dous lotes: un de 24.310 euros e outro de 16.000.

Documentos relacionados



Compartir: