ALCALDÍA

O alcalde clarificou a situación aos veciños do Banco do Pobre

09/11/2009 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, e polo concelleiro de Obras, Bernardino Rama, mantivo unha xuntanza no Centro Sociocultural de Santa Marta coa práctica totalidade de representantes das 30 familias que residen no grupo de vivendas San Ignacio de Loiola, popularmente coñecidas como Banco do Pobre.

Na xuntanza quedou clarificado o mal entendido, xurdido a raíz do recibo dunha notificación sobre o Plan Especial do Campus Universitario, pendente da súa aprobación definitiva para a construción da Facultade de Medicina, que espertou a confusión entre os propietarios da vivendas. Estes consideraron que, unha vez expropiados para a ampliación do Campus, no lugar de ser realoxados, como está convido co Concello, recibirían uns terreos en Vista Alegre, lugar no que deberían construír as súas novas vivendas.

O alcalde explicoulles que os devanditos terreos cédeos a USC ao Concello mediante un convenio de compensación, pero que en nada afecta á intención da Alcaldía de edificar as vivendas para o realoxo en calquera das parcelas propiedade do Concello, como é o caso das reservadas para tal fin nos terreos en Volta do Castro.

Sánchez Bugallo clarificou que non existe ningunha urxencia para levar adiante a expropiación en tanto que aínda está pendente da aprobación definitiva o Plan Especial do Campus e non existe data fixada para a construción da nova facultade de Medicina. Unha vez aclaradas as dúbidas dos veciños e veciñas, o alcalde comprometeuse a acelerar os trámites co Rectorado da Universidade e estudar o modo de proceder á firma dun convenio, que asegure a tranquilidade dos propietarios.

Compartir: