TURISMO

Santiago acollerá unha nova edición do Fórum Gastronómico

09/11/2009 Tras o éxito obtido en 2008, con máis de 15.000 visitantes e máis de 150 expositores, o Fórum Gastronómico trasladarase denovo ao Recinto Feiral de Santiago do 20 ao 24 de febreiro. Serán 6.000 metros cadrados de espazo expositivo no que estarán presentes algunhas das mellores empresas do sector enogastronómico.

Organizado por Turismo de Santiago e Pep Palau, von Arend & Associats, o Fórum celebrará a súa décimo primeira edición coa participación de expertos da cociña actual coma Ferran Adrià (Cataluña), os irmáns Joan e Josep Roca (Cataluña), Eneko Atxa (Euskadi), Pedro e Marcos Morán (Asturias), Pierre Gagnaire (Francia), Ernst Knam (Milán), Jacob Mielcke (Dinamarca), Bernard Lahousse (Bélxica) e Chakall (Portugal), entre outros.

O interese espertado entre os profesionais do sector está a ser elevado. A pesar da crise económica que está afectando a todo o sector congresual na actualidade, o Fórum Gastronómico ten xa ocupado o 80% do espazo feiral da exposición.

Un programa para todos os gustos
O programa deste ano dá un paso máis na fórmula creada por Fórum Gastronómico. Adquirirán máis protagonismo os obradoiros (celebraranse ata oito diarios) onde destacados profesionais cociñarán en directo e ofrecerán, ao final da sesión, unha degustación aos asistentes. Ademais, o Auditorio do Fórum ofrecerá sesións máis curtas e pensadas de forma complementaria aos obradoiros para poñer ao alcance de todos os relatores máis destacados.

Tamén se manteñen os Diálogos sobre temas de actualidade e interese para o sector, o FórumViño, o FórumDoce e o eFórum, coa celebración do III Encontro Europeo de Bloggers Gastronómicos e a entrega do I Premio á Internet Gastronómica.

Fin de semana
O sábado, o Fórum sae do recinto e trasládase á cidade, onde se farán numerosas actividades como catas con maridaxe, o II Concurso de Pulpeiras, visitas guiadas temáticas (tour gastronómico), o ciclo de cine gastronómico, a exposición ad hoc Memorias da Cociña Galega e os obradoiros Merco e cociño con… no Mercado de Abastos, onde será posible facer a compra con prestixiosos chefs e cociñar con eles.

O domingo, xa no Recinto Feiral de Santiago, os amantes da gastronomía poderán percorrer o recinto feiral e gozar de sesións e actividades especialmente pensadas para eles, incluído o popular Fórum Nenos.

O programa definitivo darase a coñecer en datas próximas nun acto de presentación en Santiago de Compostela. Entrementres, o evento xa puxo en marcha a páxina web www.forumsantiago.com e ten o seu propio perfil nas redes sociais twitter e facebook, onde xa conta con máis de 600 seguidores.

O Fórum Gastronómico Santiago 2010 é un evento promovido polo Concello de Santiago, a Asociación Hostalería Compostela e a Cámara de Comercio e organizado por Turismo de Santiago e Pep Palau, von Arend & Associats. Os seus patrocinadores institucionais son a Consellería do Medio Rural e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago. E como patrocinadores privados ten a Estrella Galicia, Cabreiroá, El Corte Inglés, Paradores, Rosareiro e Angelo Po.

Compartir: