CIENCIA

Setecentas persoas experimentarán en "Arqueocampo" a cadea do traballo arqueolóxico

10/11/2009 O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o director do Laboratorio de Patrimonio do CSIC, Felipe Criado, inauguraron Arqueocampo, actividade de divulgación gratuíta para o público xeral e escolar na que os asistentes se converten en arqueólogos por unhas horas ao experimentar toda a cadea do traballo arqueolóxico cunha metodoloxía práctica.

"Con esta actividade, que se enmarca na Semana da Ciencia, pretendemos que o público infantil e xuvenil comprenda o proceso de produción de coñecemento que se aplica en arqueoloxía e coñeza destrezas de xestión de coñecemento que pode aplicar nos seus propios procesos de estudo e formación", explica Felipe Criado, director do LaPa del CSIC, quen engade que "queremos que a cidade de Santiago sexa partícipe do traballo que realizamos no LaPa do CSIC".

Arqueocampo celebrarase de luns a sábado, en horario de mañá e tarde, no Centro Sociocultural do Castiñeiriño. As prazas son limitadas, previa reserva nos teléfonos 981 540 240 ou 600 940 133, ou en martina.gonzalez-veiga@iegps.csic.es. Está previsto que asistan 700 persoas.

Contido e obxectivos
Arqueocampo é unha iniciativa pioneira e novidosa do LaPa do CSIC, coa que se explicará aos asistentes, cunha metodoloxía activa e participativa, o traballo que día a día levan a cabo os arqueólogos. Tanto o público xeral (familias, nenos, adultos…) coma o público escolar experimentarán toda a cadea de traballo arqueolóxico (escavación, manipulación de materiais e experimentación dos procesos científicos). Ademais, levarán a cabo a súa propia investigación, converténdose en arqueólogos e investigadores por unhas horas.

"Achegaremos as fases do traballo arqueolóxico á sociedade dun modo diferente e próximo, ao mesmo tempo que divulgaremos a investigación que se leva a cabo sobre a arqueoloxía, a prehistoria e o patrimonio", explica Martina González, responsable da Unidade de Cultura Científica do LaPa do CSIC e coordinadora da iniciativa.

A actividade dura 2 horas e media e consta de seis bloques:

- Escavación: a partir do estudo de materiais e mostras dun xacemento, os asistentes, coa axuda dos monitores, aplicarán a metodoloxía arqueolóxica nunha escavación e contrastarán hipóteses de partida para obter respostas.
- Tratamento de materiais arqueolóxicos: limparanse, clasificaranse e asignaráselle un código para traballar con eles.
- Tratamento de mostras arqueolóxicas: analizaranse mostras orgánicas para descubrir aspectos da vida das persoas que habitaron o xacemento.
- Representación: explicarase aos participantes as técnicas para representar os xacementos e materiais.
- Arquivo de materiais para usar en futuros estudos.
- Gabinete de investigación: análise dos resultados obtidos nas fases anteriores para extraer conclusións.

Esta actividade está organizada polo Laboratorio de Patrimonio do CSIC (LaPa – CSIC) e conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela a través das concellarías de Cultura e Centros Socioculturais e de Educación. Ademais, participan Terceira Persoa Iniciativas Culturais S.L e a Fundación Terra Termarum de Castrolandín. Está financiada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).

Compartir: