EDUCACIÓN

A Semana da Ciencia achega os escolares ao mundo da robótica

09/11/2009 Do 9 ao 14 de novembro celébrase na Casa das Asociacións, en Cornes, a Semana da Ciencia, que nesta ocasión ten como tema A maxia da robótica. Entre as actividades previstas figura un obradoiro dedicado á robótica, unha exposición e un concurso sobre o tema.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, foi o encargado de inaugurar esta Semana da Ciencia, unha actividade organizada pola Institución Galega da Ciencia (IGACIENCIA) e a Concellería de Educación. Trátase de achegar escolares de toda Galicia a un campo de futuro como é a robótica, como un modo de promover a cultura científica.

A maxia da robótica é un compendio de actividades encamiñadas a unha experiencia de aprendizaxe, deseñada para familiarizar e explorar o campo da robótica e para potenciar as habilidades creativas e de innovación propias dos adolescentes que gustan aprender da tecnoloxía. A robótica brinda a posibilidade de concibir, crear e poñer a funcionar obxectos, favorece o desenvolvemento de procesos cognitivos de alto nivel nas persoas que se involucran con estes recursos e permite comprender funcionamentos, efectos e comportamentos de situacións reais, recreándoas.

Búscase facer comprensible o mundo de robótica, resaltando a súa importancia e as implicacións no futuro, e motivar o achegamento dos máis novos nenos á ciencia e á tecnoloxía mediante a montaxe de sinxelos robots. Así, a partir de sinxelos conceptos de programación escritos nun ordenador, os participantes transferirán ordes aos robots.

Este obradoiro está destinado a estudantes de terceiro ciclo de Primaria ou de Secundaria, que se acercarán á Casa das Asociacións por grupos do 9 ao 13 de novembro, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas. A visita do público en xeral é libre das 18:00 ás 19:00 horas.

II Concurso Galego de Robótica
Esta Semana da Ciencia conta tamén cun concurso, no que os grupos participantes optarán a diversos premios a través dos proxectos que realicen no obradoiro. Existen tres modalidades de participación: Primaria (5º e 6º) e 1º da ESO; 2º, 3º e 4º de ESO; e Bacharelato ou FP da mesma idade. Cada grupo participante estará constituído por catro ou cinco membros.

O II Concurso Galego de Robótica celebrarase o sábado 14 de novembro, das 10:00 ás 11:30 horas. Repartiranse dous premios en cada categoría de 300 e 200 euros ou o seu equivalente nun equipo de robótica. Entre os criterios de valoración figurarán aspectos como: número de probas realizadas e a súa dificultade; organización e funcionamento do equipo e presentación dos resultados do traballo realizado. Ás 12:00 horas entregaranse os premios

Direcciones relacionadas



Compartir: