ALCALDÍA

O Plan Especial e o proxecto da estación intermodal redactaranse en paralelo

06/11/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que xa se está a traballar para que tanto a redacción do Plan Especial de Reforma da Estación do AVE como a do proxecto arquitectónico realizaranse en paralelo. Así se acordou nas conversas mantidas entre o Concello, o Ministerio de Fomento e ADIF.

Sánchez Bugallo agradeceu unha vez máis a implicación do ministro de Fomento, José Blanco, en sacar adiante a estación intermodal de Santiago, e manifestou a disposición de Fomento e de ADIF para contratar canto antes a redacción do Plan Especial e do proxecto arquitectónico. Sobre este último, afirmou que se realizará un concurso público, para que del saia "o mellor equipo de arquitectos para conseguir a mellor estación".

A propósito doutra infraestrutura de comunicación, o aeroporto de Lavacolla, recordou que a recente adxudicación das novas pasarelas e da subestación eléctrica, por máis de 30 millóns de euros. "Nestes momentos están en marcha obras por máis de 200 millóns de euros, e entre 2009, 2010 e 2011 investiranse da orde de 268 millóns de euros, incluíndo as expropiacións". Para esta último ano confía o alcalde que podan estar en funcionamento todas as novas instalacións: terminal, torre de control, ampliación da pista de aterraxe, aparcadoiros e accesos.

Na súa rolda de prensa semanal, Sánchez Bugallo tamén expresou a súa satisfacción polo anuncio do primeiro ministro portugués, José Sócrates, de cumprir cos seus compromisos respecto ás liñas de alta velocidade con Lisboa e Porto. Sobre esta última, expresou a súa "importancia para o norte de Portugal e para Galicia".

Outro tema ao que se referiu foi a adxudicación por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da redacción do proxecto para 40 novas vivendas en Xoán XXIII. "Sen tempo non foi", indicou o alcalde respecto a unha actuación que "permitirá pechar esa entrada da cidade e proporcionar unha interesante oferta de vivenda de aluguer para poboación moza".

Solidariedade co Alakrana, parque comarcal de bombeiros e parque móbil
Sánchez Bugallo comezou a súa rolda de prensa expresando a súa solidariedade cos mariñeiros secuestrados e familiares do Alakrana. Resaltou a inxustiza dos feitos que están a acontecer e desexou un "rápido e feliz final".

O rexedor municipal non quixo pronunciarse sobre o futuro parque comarcal de bombeiros. "Quedei en reunirme proximamente co conselleiro de Presidencia", dixo, tras recordar que nas últimas semanas chegaron da Xunta "mensaxes contraditorias". "Estamos á espera de que clarifiquen a súa posición", engadiu.

A preguntas dos xornalistas en relación ao parque móbil municipal, subliñou que "non hai nin descontrol nin gasto disparatado". Dixo ao respecto que "non se ten detectado ningunha incidencia importante" e recordou que "o Concello non ten ningún aparcadoiro específico, senón que cada vehículo ten asignado un lugar concreto". En referencia a dous casos concretos, falou de dous funcionarios, de Tráfico e de Obras, con vehículos que, por razóns da súa dispoñibilidade durante 24 horas, deben quedar de noite nos seus domicilios.

Compartir: