ALCALDÍA

A mostra "Miradas" revisa a arte galega en diálogo coas vangardas internacionais

05/11/2009 A sede da Fundación Caixa Galicia, na rúa do Vilar, acolle ata o 30 de marzo de 2010 a exposición Miradas. Cara o paraíso. Un diálogo coa arte galega e as vangardas internacionais, comisariada por Fernando Castro. Está composta por 51 pezas procedentes da Colección Caixa Galicia.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a mostra xunto ao comisario da mesma, Fernando Castro, e o director xeral da entidade financeira, José Luis Gómez. A exposición propón unha revisión da arte galega en diálogo coas principais vangardas internacionais. Poderanse ver por primeira vez en Galicia obras de artistas tan relevantes da historia da arte do século XX coma Chagall, Óscar Domínguez, María Blanchard, Wilfredo Lam, Fernand Leger, Joan Miró ou Picasso, nunha conversa harmónica e ás veces confrontada con obras dos artistas galegos máis senlleiros do século XX, entre os que destacan Luís Caruncho, Colmeiro, Isaac Díaz Pardo, Granell, Lamazares ou Leiro.

A exposición pode visitarse de luns a domingo en horario de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Tamén se realizan visitas guiadas os sábados ás 19:30 horas e os domingos ás 12:00 horas. As visitas guiadas para grupos deben concertarse previamente a través do 981 552 577.

Compartir: