EMPREGO

Promoción Económica cualifica como "razoablemente bo" o comportamento do paro na primeira metade de 2009

05/11/2009 Presentouse en Raxoi o Boletín sobre o mercado laboral de Compostela correspondente ao primeiro semestre de 2009. Esta publicación recolle os principias indicadores laborais e económicos na cidade e é un instrumento para a orientar as políticas activas de emprego que se realizan dende o Concello.

O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, presentou este boletín, que en canto a cifras de desemprego se refire, deixa unha redución de 408 persoas neste primeiro semestre. A principios de 2009 había en Santiago 6.855 persoas paradas, que foron aumentando ata as 7.210 en marzo, para volver novamente a descender e lograr a cifra de 6.547 persoas en xuño.

Iglesias complementou estas cifras con datos do mes de outubro, mes no que Santiago rexistraba 7.232 desempregados, dos que 3.188 son homes e 4.044 mulleres. No referido mes de outubro, Santiago foi a cidade de Galicia, despois de Ferrol, onde menos subiu o desemprego.

Por sectores, segue a destacar o desemprego no sector servizos, que afectaba a 4.886 persoas en outubro. Séguelle o grupo de persoas sen anterior emprego (841)e a continuación, por esta orde, os sectores da construción (797), da industria (615) e da agricultura e gandería (93).

Volvendo aos datos do primeiro semestre de 2009, constátase que os homes tiveron unha evolución máis positiva en Santiago que as mulleres. Este indicador contrasta co do resto de Galicia, onde o desemprego masculino segue unha tendencia alcista.

Non obstante, os datos globais seguen a reflectir o mellor comportamento de Santiago fronte á actual situación de crise en comparación con outras localidades galegas. Así, Xosé Manuel Iglesias, cualificou este comportamento como "razoablemente bo" ou "menos malo" que neutros lugares. Así, as persoas paradas compostelás supoñían a principios de 2009 o 8,63% das existentes na provincia e o 3,41% do total de parados galegos. A finais de xuño, estes valores diminuíran ata acadar o 8,07% dos parados provinciais e o 3,27% de desempregados en Galicia.

Novo enfoque
A publicación recolle, en catro apartados e 40 páxinas, as características da poboación activa e da poboación desempregada, os perfís de contratación, a actividade empresarial, a evolución do desemprego e os sectores de actividade con máis ofertas laborais. Toda esta información complétase con 10 gráficos e 28 táboas. Todos estes datos pódense consultar, desde hoxe, na páxina web de Promoción Económica www.maiscompostela.org, no apartado de Observatorio Estatístico.

Elaborado por Estatística do Concello de Santiago, é o terceiro boletín destas características que edita a Concellaría de Promoción Económica e Emprego (o primeiro saíu en decembro de 2008 e o segundo en maio de 2009). A principal novidade que incorpora con respecto aos anteriores é o novo enfoque do apartado de Caracterización da poboación. Por primeira vez tómanse como referencia os datos do Padrón municipal de habitantes de Santiago para coñecer as características básicas da poboación.

Os datos que contén complétanse cunha análise detallada da situación da realidade laboral do municipio, o que o converte nun instrumento de consulta para todas aquelas administracións, entidades e empresas que precisen obter datos sobre o mercado de traballo en Santiago.

O Boletín sobre o mercado laboral de Santiago de Compostela. 1º semestre 2009 ten unha tirada de 300 exemplares. A maioría deles distribuíranse entre entidades públicas e privadas vinculadas ao mundo laboral, empresarial, e do emprendemento. Entre elas, distintos departamentos da Xunta de Galicia, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, a USC, etc. O resto quedará nas Oficinas de Promoción Económica a disposición das persoas interesadas, entidades e empresas que o soliciten.

Compartir: