CULTURA

A Zona "C" inaugura a intervención "Microvoyages", da artista Esther Ruiz de Pablos

04/11/2009 O xoves 5 de novembro, ás 20:00 horas, a concelleira de Cultura, Socorro García Conde, inaugura a exposición Microvoyages. Do traxecto cotián á microviaxe urbana, da artista Esther Ruiz de Pablos, comisariada por Antonio Díaz Correa, os cales tamén estarán na inauguración.

Microvoyages é un proxecto que habita cidades, unha mirada aos desprazamentos diarios dos transeúntes que artellan o espazo urbano, un traballo que é reflexo dos diversos modos de experimentar a cidade por parte dalgún dos seus habitantes como un retrato persoal da experiencia da artista. Fálanos da relación entre o transeúnte, a cidade e a súa representación.

A proposta de Esther Ruiz ten que ver ante todo cun modo de aproximarse ao entorno urbano mediante a documentación de diferentes traxectos cotiáns co uso da cámara como instrumento de rexistro, sen formalismos deixando translucir a crueza do medio técnico así como a fractura existente entre o traxecto realizado e a súa representación.

Na zona "C" pódese ver o resultado deste traballo de documentación, feito ao longo de varios meses en Santiago de Compostela e capturado en pezas de vídeo que amosan, sen solución de continuidade, os traxectos de sete colaboradores no seu día a día. Camiñar establécese entón como acto mediante o cal o transeúnte aprópiase dos materiais dos que se alimenta: a rúa, a praza, o solar, a vía, o túnel.

Microvoyages aborda o acto de transitar dende a perspectiva do xesto aparentemente insignificante, pero non por iso menos valioso. Son conductas ocultas pola amnesia do cotián, minúsculas viaxes polo interior da cidade.

Compartir: