CULTURA

Soderbergh e Mendoza abordan o tema da prostitución no segundo día de Cineuropa

04/11/2009 Na programación da segunda xornada de Cineuropa, dous cineastas do prestixio do norteamericano Steven Soderbergh e do filipino Brillante Mendoza indagan en xeitos ben diferentes de prostitución. En The Girlfriend experience, Soderbergh amósanos a súa vena "alternativa" ao contar coa actriz porno Sasha Grey no papel dunha "score" de luxo, contratada para exercer o papel de "moza perfecta". O sexo de aluguer do que fala, por contra, Brillante Mendoza en Serbis é o dos labirínticos corredores dun cine de Manila onde travestis e xóvenes buscan clientes.

La mujer sin piano, de Javier Rebollo, e Frozen river, de Courtney Hunt, ambas as dúas con premio no festival de San Sebastián, ofrecen dous poderosos traballos de actriz. En La mujer sin piano, o de Carmen Machi, como señora casada, infeliz, que coquetea con fuxir da súa vida sen horizontes e viaxar lonxe; e en Frozen River o de Melissa Leo, nominada ao Oscar polo seu papel de arriscada conductora dun coche que transporta inmigrantes ilegais dende Canadá aos Estados Unidos a través dun río xeado.

A sección de cine fantástico arrinca tamén na segunda xornada de Cineuropa coa perturbadora The children, moi aplaudida en Sitges, onde as criaturas celestiais se confabulan como nunha homenaxe á inesquecible ¿Quién puede matar a un niño?, de Ibañez Serrador. A loita palestina pola integración é o tema de Amerrika, de Cherien Dabis, que pasou xa con éxito por Sundance e Cannes e aporta gotas de tenrura á dureza da viaxe da súa muller protagonista, dende Cisjordania aos Estados Unidos.

Outras seccións que abren este segundo día as súas portas son a da retrospectiva do cineasta francés Arnaud Deslechin, coa programación da súa primeira película, La vie des morts, coa que inaugura os seus estudos do núcleo familiar e a súa descomposición; e a sección Mundo Asia, a través da moi vitalista Glasses, ambientada nunha praia onde os móbiles están vetados e a sesta imponse como terapia para mentes estresadas.

Compartir: