CULTURA

Filmes de Haneke, Won Kar Way e François Ozon na primeira xornada de Cineuropa

03/11/2009 A primeira xornada de Cineuropa, o mércores 4 de novembro, ofrece a oportunidade de coñecer a moi esperada película coa cal Michael Haneke gañou a Palma de Ouro en Cannes: A cinta branca. A proxección do filme, que inaugurará o Festival, organizado pola concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, estará precedida por un pequeno acto que presentará a actriz Marta Pazos. As entradas para este pase serán de balde e poden recollerse a partires das 15:00 horas na billeteira do Principal cun máximo de 2 entradas por persoa e ata completar aforo.

Pero o programa deste primeiro día do festival chega tamén cos nomes propios de François Ozon, coa premiere absoluta da súa romántica con toque fantástico Ricky, e de Won Kar Way e a súa versión definitiva de "Ashes of time", obra sobre un mercenario cegado pola ira do desengano amoroso. Este mércores coñecerá tamén o intimismo estilizado da xaponesa Tokyo Sonata, o naturalismo de Los bastardos, a película-exabrupto coa cal o mexicano Amat Escalante creou non pouca conmoción na edición de Cannes 2008; e a emotividade da moi celebrada Tulpan, ou, o que é o mesmo, a estraña búsqueda de compañeira dun ex-soldado kazajo, premiada tamén en Cannes e en Xixón.

A cinta branca, película que centra a gala de inauguración ás 21:00 horas no Principal, conta as mórbidas e estrañas complicidades que presiden as relacións dun grupo de nenos nunha comunidade relixiosa da Alemaña de principios de século. Michael Haneke manexa influencias de Bergman e de Dreyer, e incluso hai quen ve no seu clima malsano guiños a O pobo dos malditos, de Wolf Rilla. E faino con cine perturbador e inatacable na súa esquinada forma de achegarse ao xerme do que naceu o nazismo, a través dun clima onde a despersonalización e a violencia do grupo laten con sutileza, o que lle valeu o premio maior en Cannes.

Tokyo Sonata (Salón Teatro, 20:00 horas) fala da desintegración dunha familia. E faino sen espaventos nin altavoces, de xeito elegante, a través da rede de secretos e mentiras ou medias verdades que van enturbando a súa comunicación ata convertela en silencios, en fisuras nese núcleo familiar a punto do big bang. Con Ricky (Salón Teatro, 22:15 h.), François Ozon tomou un respiro antes de abordar a densidade de Le refuge, o drama de traumas post-mortem que tamén poderá verse neste Cineuropa. Ozon toma a liberdade de apostar en Ricky pola comedia romántica onde case todo é posible, ata mergullarse por momentos no cinema fantástico. Ese toque máxico séntalle ben a esta historia de amor entre xente da working class, Alexandra Lamy e o español Sergi López.

Os que aprenderon o estilo abigarrado e magnético de Won Kar Wai, presente en anteriores edicións de Cineuropa con My blueberry nights, 2046 ou In the mood for love, poden rescatar a versión "redux" de Ashes of time (Salón Teatro, 00:00 horas), para cuxo drama de guerreiro que esconde baixo os seus traballos como mercenario as feridas doutra guerra perdida, a da muller que o abandonou, o cineasta de Hong-Kong rodou novas secuencias, remontou outras, engadiu efectos… todo respectando a exquisita fotografía de Christopher Doyle.

Los bastardos (Aula de Cultura. 20:00 horas), atención a ela, é dese cine que nos chega do México fronteirizo e faino como unha exhalación de verdade e de violencia seca. Sequísima. Tanto que o seu estalido pode pillar por sorpresa e provocar sobresalto na butaca. A programación do primeiro día do festival péchaa Tulpan (Aula de Cultura, 22:00 horas): as estepas de Kazajistán, a perseveranza dun ex-soldado nos seus intentos de conquistar á filla duns pastores veciños e o seu problema por ter unhas orellas demasiado grandes para un aspirante a sedutor seduciron xa aos públicos de todos os festivais polos cales Tulpan xa desfilou.

Compartir: