ALCALDÍA

O alcalde falou dos cambios catastrais coa Federación de Asociacións do Rural

03/11/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse cos representantes da Federación de Asociacións do Rural (Ferusa). Na xuntanza falouse dos resultados da última revisión catastral e do conseguinte incremento do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), derivado do incremento de valor de moitos destes.

Sánchez Bugallo recordoulles que a revisión catastral é unha esixencia da Lei do Castastro Inmobiliario de revisar os valores cando se altere o planeamento urbanístico ou cando teñan transcorridos dez anos dende a ultima valoración. Así sucedeu en Santiago.

Como resultado desta ampliación e variación na clasificación do solo na Revisión do PXOM, incorpórase unha gran cantidade de solo de natureza urbana, que antes da aprobación da Revisión do PXOM era solo rústico. Deste xeito, a superficie catastrada de natureza urbana era ata agora de 1.950 hectáreas, que pasan a ser 3.493 hectáreas. Os solos clasificados como urbanos, urbanizables ou de núcleo rural teñen a consideración a efectos catastrais de solo de natureza urbana.

A media do valor catastral dun inmoble residencia rexistrou un incremento dun 60%, que será distribuído nos vindeiros dez anos. Así, a cota tributaria vai supor un incremento medio do 5,7% anual.

Compartir: