CENTROS SOCIOCULTURAIS

O centro sociocultural de Vite acolle a exposición "70 Aniversario Monopoly"

09/11/2005 A concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, inaugurou a exposición "70 Aniversario Monopoly" que se poderá ver ata o vinte de novembro no centro sociocultural de Vite. No acto de inauguración estiveron presentes o responsable de Marketing de Hasbro Iberia, Ignacio Gaitán, e o campión mundial de Monopoly, o madrileño Antonio Zafra.

Con motivo da celebración do setenta aniversario dun dos xogos máis famosos e vendidos do mundo, Monopoly realizou unha edición especial na que Santiago conta cunha casiña.

A exposición fai un percorrido pola historia deste xogo e nela pódense contemplar algunhas edicións difíciles de ver por pertencer a coleccionistas privados e por non venderse en España como é a edición referida a Coca Cola, á película "Star Wars" ou algúns debuxos animados como os Simpsons.

Pódense contemplar as edicións asiáticas ou a única existente sobre Latinoamérica referida a Colombia. Algúns dos xogos teñen carácter didáctico como o adicado a vender planetas ou galaxias no que á vez se explican conceptos básicos da astronomía.

Santiago é o segundo lugar onde se exhibe esta mostra. A primeira exposición tivo lugar en Madrid e nos vindeiros meses poderase ver en Valencia e Sevilla.

Dende que en 1935 se creou este xogo, vendéronse máis de cento sesenta millóns de unidades de Monopoly en oitenta países e en máis de vinte idiomas. Máis de cincocentos millóns de persoas xogaron algunha vez a este xogo.

Compartir: