ALCALDÍA

O alcalde demanda o mellor proxecto arquitectónico para a estación intermodal

03/11/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; o ministro de Fomento, José Blanco; o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o presidente do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), Antonio González Marín, asinaron en Raxoi o protocolo de colaboración para a remodelación da estación ferroviaria de Santiago de Compostela e a actuación urbanística na súa área de influencia.

En palabras do alcalde, este acto de sinatura é "o resultado dun enorme esforzo" polo que agradeceu o labor "dos que ao longo de seis anos non perderon a paciencia e traballaron con ilusión". De aquí sairá, dixo "unha estación que debe durar todo o século XXI".

"Temos que esforzarnos en acertar nas decisións que se tomen", afirmou Sánchez Bugallo en referencia ao Plan Especial e ao proxecto arquitectónico. Neste sentido, solicitoulle ao ministro "o esforzo de buscar o mellor equipo de arquitectos posible", como unha garantía para lograr unha obra "que marque a diferenza" na configuración da que será "a porta de entrada da cidade durante décadas".

José Blanco dixo que este era "un día moi esperado" e congratulouse pola presenza de todas as partes para asinar este "instrumento de cooperación institucional necesario". Sobre a futura estación intermodal, destacou a súa importancia na "humanización da zona en beneficio dos peóns" e o seu carácter integrador para "mellorar as conexións peonís entre O Ensanche e Pontepedriña". Da futura instalación tamén salientou o seu compoñente de "funcionalidade, permeabilidade e mobilidade sostible".

Despois de agradecer a "vontade cidadá" no proceso de expropiacións para a entrada do AVE en Santiago, reafirmou o seu compromiso de que a liña de alta velocidade dende Ourense chegue á cidade en 2011.

Finalmente, o conselleiro de Medio Ambiente referiuse á "oportunidade para a cidade, para a comarca e para Galicia" desta estación intermodal. Ao igual que o ministro e o alcalde, resaltou que este protocolo é "froito dun traballo colectivo".

Paso de gran trascendencia, colaborarción ineradministrativa e transporte intermodal. Integrada na trama urbana da cidade.

Graza a este acordo, o Ministerio de Fomento promoverá a e financiará a remodelación da estación co obxectivo de adecuar as instalacións á futura implantación da liña ferroviaria de alta velocidade e de convertela nun centro intermodal de intercambio de transporte. Ademais, asumirá a redacción do Plan Especial de Reforma da Estación en colaboración co Concello e coa Xunta. Fomento tamén financiará, a través de Adif, o traslado das instalacións de mercadorías y de mantemento da infraestrutura actualmente existente.

O Concello de Santiago e a Xunta tramitarán a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e o Plan Especial. Por último, a Xunta de Galicia asumirá o financiamento da construción das instalacións da nova estación de autobuses que se integrará na estación intermodal.

Plan Especial de Reforma da Estación
Entre os obxectivos do Plan Especial de Reforma da Estación son, está, ademais da propia implantación da estación intermodal, a resolución dos accesos peonís e rodados á estación dende a rúa do Hórreo, a avenida de Lugo e o vieiro Sar-Ponte Pedriña. Tamén se afrontará a ordenación da infraestrutura ferroviaria e dos usos vinculados á estación, coa definición dos usos asociados ao Sistema Xeral de Infraestruturas de Comunicacións e Transportes, así coma os usos lucrativos a desenvolver no resto dos solos non incluídos neste Sistema Xeral.

Este Plan Especial formalizará igualmente unha proposta de conexión peonil e rodada entre os barrios do Ensanche e Ponte Pedriña, que procurará unha imaxe urbana de singular calidade arquitectónica e funcionalmente capaz de permeabilizar fluxos de carácter peonil entre ambas partes de la cidade, complementados con aqueles de carácter rodado que puideran asociarse ao desenvolvemento da actuación.

Outro asunto a resolver será a adecuada composición tanto da fachada urbana cara o Hórreo e a avenida de Lugo como a da nova fachada urbana cara o parque das Brañas do Sar e da Cidade da Cultura, procurando un tratamento arquitectónico de conxunto que valorice a súa posición como miradoiro. Finalmente, trazarase o deseño conxunto de todo o complexo da estación intermodal, sen prexuízo da súa posterior división en proxectos construtivos independentes.

Sinatura no Libro de Honra e conferencia
Previamente a esta sinatura, o alcalde asistira no Hostal dos Reis Católicos á conferencia organizada por Nueva Economía Fórum que pronunciou o ministro de Fomento. Logo, e tras saudar á Corporación, José Blanco asinou no Libro de Honra da Cidade.

Documentos relacionados



Compartir: