CULTURA

A música e a arte únense a Cineuropa na programación cultural de novembro

02/11/2009 Novembro é o mes de Cineuropa en Compostela, e as súas 160 películas encherán a axenda diaria da cidade. Con todo, o programa cultural do mes contempla tamén actividades musicais como o comezo de Sons da Diversidade ou unha nova exposición na Zona C.

Malia que a luz dos proxectores cinematográficos de Cineuropa podería eclipsar calquera outra actividade que tivera lugar en Santiago durante o mes de novembro, o certo é que o programa ten espazo tamén para outras moitas propostas. Deste xeito, os concertos do programa de abono da real Filharmonía de Galicia continúan sendo citas sinaladas na axenda.

En novembro, o Auditorio de Galicia acollerá tres recitais dentro deste programa: o venres 6, coa dirección de Paul Daniel e o violoncellista Tim Hugh; o xoves 19 coa batuta de Salvador Mas e o piano de Mihaela Urusuleasa e, por último, o xoves 26, baixo a dirección do mestre Ros Marbá. Tanto a concelleira de Cultura, Socorro García Conde, coma o director-xerente do Auditorio, Paulo Rodríguez, aproveitaron para valorar moi positivamente o incremento do número de abonados, que continúa nunha progresión crecente.

Ademais, a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá dentro do programa de concertos didácticos a ópera A cincenta, unha produción do Gran Teatre del Liceu que conta coa dirección escénica de Joan Font, do grupo Els Comediants. Esta oferta específica para escolares, que xa esgotou a inscrición das 6.000 prazas que se puxeron a disposición das escolas, terá lugar os días 9, 10 e 11 do mes. No eido musical, cabe tamén destacar a estrea da nova tempada de Sons da Diversidade. O agardado concerto de Ryuichi Sakamato será o encargado de abrir esta tempada o venres 13 de novembro, cuxas entradas estarán dispoñibles a partir do mércores 4.

Microvoyages na Zona C
A proposta artística do mes chegará da man de Esther Ruiz de Pablos, quen o día 5 inaugurará na Zona C a mostra Microvoyages. A exposición, comisariada por Antonio Díaz Correa, é resultado da colaboración que a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais mantén co Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela. Poderá visitarse ata o 31 de xaneiro de 2010.

Socorro García tamén quixo chamar a atención sobre a programación da Rede de Centros Socioculturais, "unha rede que cada vez se enche máis de actividade cultural". Así, no mes de novembro continúa a actividade do Obradoiro do Espectador, que neste caso se centrará sobre o espectáculo Memoria del jardín, da compañía Magrinyana. Seguen tamén en marcha o fomento da lectura do programa Letras Vivas Animación, as actividades de Domingos en Familia e as proxección de Cinemas Dixitais, entre outros.

Compartir: