PARTICIPACIÓN CIDADÁ

O Concello rende homenaxe á agrupación folclórica Cantigas e Agarimos

30/10/2009 A concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, presidirá esta tarde o acto de recoñecemento que o Concello quere render á agrupación folclórica Cantigas e Agarimos polos seus 88 anos de labor ininterrompido en prol da música tradicional galega. Será na Casa das Asociacións de Cornes ás 20:30 horas.

Este acto acompañarase dunha exposición de fotografías e de traxes dedicada a esta agrupación folclórica, dentro da proposta programática que a Concellería elaborou para o desfrute de todos os veciños e veciñas de Santiago.

Cantigas e Agarimos é Medalla de Prata das cidades de Santiago de Compostela (1971) e Lorient (1977), Diploma ao Mérito Cultural e Artístico concedido polo Concello de Santiago (1971) e Socio de Honra do Padroado Rosalía de Castro. Na actualidade a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela está composta por máis de 90 membros.

Despois do malogrado intento da coral Queixumes dos Pinos, creada en 1917, que por mor da epidemia de gripe de 1918 non puido saír ao público, créase en 1920 -por iniciativa de Bernardo del Río Parada, Salvador Cabeza de León, Enrique S. Guerra e Camilo Díaz Baliño- a agrupación coral Cantigas e Agarimos. Inicialmente foi acollida nos locais do Centro Católico Obreiro de Santiago de Compostela e súa presentación ao público tivo lugar no Teatro Principal, o 29 de xullo de 1921, co gallo das Festas do Apóstolo, sendo, polo tanto, a máis nova das catro agrupacións históricas do folclore galego. Coa chegada da dictadura franquista, Cantigas e Agarimos viuse na obriga de se encadrar na Obra Social de Educación e Descanso, e tomar o nome de Coral Gallega Rosalía de Castro. Non será ata 1954, dous anos despois da morte do seu primeiro director e fundador, Bernardo del Río, cando se logre a independencia da Obra Social de Educación e Descanso, e se recupere o nome fundacional de Cantigas e Agarimos.

Tradición e actualidade
Dende finais dos anos 70, Cantigas e Agarimos conta tamén cunha Escola de baile e música tradicional -Escola de Muiñeira Cantigas e Agarimos-. Nesa década funcionou basicamente como escola de baile e gaita coa finalidade de complementar as actividades do coro. Non será ata o ano 1981 no que a Escola colle un pulo renovado polo interese da Agrupación en transmitir os valores da nosa cultura tradicional e polo baleiro existente -daquela- neste tipo de ensino.

A partir de aquí, a Escola pasa a ser concibida como un elemento esencial para garantir o futuro da Agrupación. A Escola de Muiñeira é a principal vía que Cantigas e Agarimos ten de transmitir a cultura tradicional galega ás novas xeracións. Conta con 5 seccións (baile, pandeireta, gaita, percusión e acordeón), así como o complemento de linguaxe musical, nas que se imparten clases ao longo do curso escolar e ás que asisten nenos/as e adultos procedentes de Santiago e comarca, así como de diferentes puntos de Galicia.

Nos seus máis de 30 anos de existencia, levan pasado polas súas diferentes seccións máis de 3.000 nenos e nenas; contando nos últimos dez anos cunha media de 150 alumnos/as por curso. Desde finais dos anos 80, ten acadado máis de 30 primeiros premios e máis de 20 segundos premios en diferentes concursos de baile e música tradicional.

Dende a súa fundación, pois, Cantigas e Agarimos vén traballando arreo na recuperación, conservación e transmisión dalgunhas das formas máis entrañables da nosa cultura tradicional, como son a cantiga, a música, o baile e os traxes populares; colaborando deste xeito na consolidación da identidade cultural de Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: