MOBILIDADE

O Concello considera as enquisas de mobilidade un traballo previo imprescindible para o posterior Plan de Mobilidade

29/10/2009 O Consello de Administración da empresa municipal TUSSA, na sesión celebrada o pasado 27 de outubro, deu o visto bo ao prego de cláusulas administrativas e prescricións técnicas para a contratación dun servizo de enquisas de mobilidade no transporte público, cun tipo de licitación de 99.200 euros.

O Concello estima que se trata dun traballo previo imprescindible para a posterior realización do Plan de Mobilidade, dentro do cal o transporte público ocupa unha parte fundamental. Levaranse a cabo máis de 11.000 enquisas de mobilidade (non de calidade) con datos obxectivos transcendentais para poder tomar calquera decisión a posteriori sobre as liñas de transporte urbano.

Por iso resulta necesario, polo tanto, definir de xeito preciso cuestións como o perfil do usuario, contabilizalos, de que punto a que punto quere viaxar, onde soben, onde baixan e outros moitos datos tanto dos usuarios das liñas urbanas como metropolitanas. En definitiva, todos aquelas cuestións obxectivas que nos axuden a coñecer as relacións de mobilidade dos viaxeiros. Polo tanto, estase a falar non só de enquisas de mobilidade, senón dun extenso traballo de campo.

Estas enquisas serán a base, como dicimos, para calquera decisión que a respecto da Mobilidade, tome o Concello de Santiago polo que teñen que ser rigorosas, precisas e en detalle. Para a súa realización, o prego aprobado polo Consello de Administración de TUSSA fixa un tipo de licitación de 99.250 euros, cantidade avalada polos custos de mercado. TUSSA conta coa liquidez suficiente para facer fronte a este proxecto.

Así mesmo, o prego fixa en 45 días a realización das enquisas, tempo suficiente para levar a cabo este tipo de traballos, segundo sustentan as empresas que a elo se dedican e coas que se contrastou o antedito dato.

Compartir: