TURISMO

Máis de 200 representantes de axencias de viaxe reúnense en Santiago nunhas xornadas de formación

29/10/2009 Santiago de Compostela acolle ata o sábado 31 as Xornadas Técnicas e de Formación que cada ano organiza a Asociación Empresarial Grupo Europa, composta por 350 axencias de viaxes independentes que contan con máis de 450 puntos de venta distribuídos por todo o Estado. Nestas xornadas, nas que colaboran a Asociación Hostalería Compostela e Turismo de Santiago, entre outras entidades, participarán máis de 200 representantes de axencias de viaxes.

O encontro, segundo se destaca dende o Grupo Europa, servirá tamén "para a promoción entre os nosos asociados da celebración do próximo Ano Santo". Os participantes, unha vez de regreso aos seus lugares de traballo e residencia, poderán "promocionar esta cidade histórica de Santiago de Compostela tal como se merece e estamos seguros de que conseguiremos elevar o ánimo dos nosos clientes para facer unha escapada ao punto central no que se converterá o ano próximo a Catedral e todo o seu entorno", sinalan dende a Asociación.

O Grupo Europa naceu no ano 1998 con dúas finalidades concretas, por unha banda a negociación conxunta cos proveedores e por outra dar un servizo a todos os seus asociados para mellorar a súa profesionalidade e poder competir no mercado en igualdade de condicións coas grandes axencias. A acción de maior importancia para a Asociación son as súas Xornadas Técnicas de Formación, que se celebran unha vez ao ano, sendo nesta edición Santiago de Compostela a cidade escollida para a súa celebración.

Segundo se di dende o Grupo Europa, "estamos seguros de que os propietarios e traballadores das axencias de viaxes disfrutarán da cidade, os seus encantos arquitectónicos, a súa gastronomía e o grato trato dos seus habitantes e, ao mesmo tempo, aproveitaremos ao máximo importantes charlas e debates que son fundamentais para o ritmo diario das nosas empresas e para manternos no nivel de profesionalidade que reclaman os nosos clientes".

Compartir: