PLENO

O Pleno aproba o III Plan de Igualdade

29/10/2009 Na súa sesión ordinaria do mes de outubro, o Pleno municipal aprobou por unanimidade o III Plan de Igualdade. Tamén no eido do Benestar Social, ratificouse a proposta municipal de adhesión ao Programa Cidades Amigas da Infancia, de UNICEF. Ambos programas xa foran presentados esta semana pola titular do Departamento, Mar Martín.

O III Plan de Igualdade nace co horizonte temporal 2009-2011 e articula políticas de xénero dirixidas a toda a poboación. Formúlanse as intervencións directas e indirectas que deben aplicarse nos diversos espazos e momentos en ámbitos como a educación, o emprego, a mocidade, o asociacionismo ou a prevención da violencia de xénero, entre outros. O programa traza catro esferas de intervención: convivencial, laboral, sociocomunitaria e de cooperación institucional.

Adhesión ao Programa Cidades Amigas da Infancia
Por outra parte, acordouse a solicitude de adhesión de Santiago de Compostela ao Programa Cidades Amigas da Infancia, de UNICEF. Deste xeito, o Concello comprométese a dar o impulso político e necesario para conseguir este recoñecemento.

Este Programa Cidades Amigas da Infancia pretende dar cumprimento na esfera municipal e na vida diaria ao contido na Convención sobre os Dereitos do Neno e da Nena, aprobada por Nacións Unidas hai 20 anos. 30 cidades españolas xa forman parte da iniciativa.

Moción sobre financiamento dos concellos
O Pleno municipal tamén aprobou unha moción, presentada polo BNG, na que se insta á Xunta de Galicia a garantir para o ano 2009 as cantidades previstas para os concellos a través do Fondo de Cooperación Local e a non recortar a dotación do mesmo para 2010.

Tamén se lle solicita á Xunta que "demande do Goberno do Estado que elabore un Plan que garanta o gasto corrente aos concellos e un sistema de moratorias no suposto de liquidacións negativas das cantidades recibidas de participación de ingresos do Estado durante seis anos, tal e como se ten manifestado a FEGAMP, diante da moción presentada pola FEMP".

A moción tamén insta á Administración autonómica a que defenda ante o Goberno español "a reforma urxente do financiamento local, de maneira que o novo modelo incremente a contía da participación nos ingresos do Estado, e dita participación dos concellos galegos se integre plenamente nos rozamentos da Xunta de Galicia". Ademais, engade, "demandarase que o novo modelo teña en conta o maior custo dos servizos en Galicia, derivado da dispersión dos núcleos e do envellecemento da poboación".

Documentos relacionados



Compartir: