PLENO

Visto bo ao cambio de uso de solo para o novo aparcadoiro de borde de Santa Marta

29/10/2009 O Pleno municipal aprobou por unanimidade a ampliación de usos permitidos polo Plan Parcial do SUP-6 de Santa Marta, en dúas reservas de equipamento. O seu obxectivo é posibilitar a implantación dun aparcadoiro en superficie de uso público.

Se ben o Pleno unicamente ratificou o cambio de usos, o propio alcalde xa anunciara anteriormente que a Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (TUSSA) se fará cargo desta parcela en Santa Marta para convertela nun aparcadoiro de borde. Deste xeito, acondicionarase unha parcela de 12.000 metros cadrados, conectada con tres rúas: Feliciano Barrera Fernández, Julia Minguillón e As Trece Rosas. Contará con máis de 400 prazas e estímase unha entrada de aproximadamente 99.200 vehículos ao ano.

O seu acceso dende a N-550 e a estrada de Noia, sen ter que entrar no centro da cidade, contribuirá a diminuír a saturación de tráfico. Ademais, esta parcela está a 1,2 quilómetros da rúa Romero Donallo, polo que en 15 minutos calquera persoa podería acceder ao centro da cidade a pé.

Para garantir o éxito desta bolsa de estacionamento, a este aparcadoiro daranlle servizo ata catro liñas do transporte urbano: liña 1 (polígono do Tambre – Hospital Clínico), liña 2 (estación de autobuses – Rocha Vella), liña C2 (estación de autobuses – Fontiñas – hospitais – Vite – estación de autobuses) e liña C4 (estación de autobuses – Vite – hospitais – Fontiñas – estación de autobuses). Asegúrase así unha ampla frecuencia e as relacións de mobilidade directas con hospitais, centros educativos e administrativos e centro da cidade.

Este aparcadoiro vixiado funcionará dende as 7:30 ás 22:30 horas, de luns a venres laborables, e os sábados laborables dende as 7:30 ás 14:30 horas. Por unha tarifa xeral de 1,50 euros, o usuario poderá deixar o vehículo durante toda a xornada. Non obstante, TUSSA establecerá políticas de fidelización que permitirán custos por debaixo desta tarifa. Instalarase unha caseta e o acceso dos vehículos estará regulado por unha barreira automática. O investimento estimado roldará os 200.000 euros.

TUSSA asumirá a xestión sobre esta parcela de titularidade municipal por un período de catro anos, con posibilidade de prórrogas anuais, ata un máximo de seis, así como a aprobación da tarifa correspondente.

Rexeitadas solicitudes de nulidade en dous solos
Ademais, non se admitiu unha solicitude de declaración de nulidade do Plan de sectorización do SUNP-25 de Roxos, por non ter encaixe na Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, e por reproducir alegacións substancialmente iguais ás xa desestimadas anteriormente.

Noutro ámbito, o do SUP-7 de Pontepedriña, tampouco se admitiu outra solicitude de nulidade do seu Plan parcial e do seu estudo de detalle, por considerase que a revisión de disposicións de carácter xeral só pode exercerse de oficio pola propia Administración municipal.

Compartir: