COMERCIO

Katuxa Platero, Xocoátel e Pecados de Compostela, premiados na edición de outono do Concurso de Escaparatismo

29/10/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou os comercios gañadores da edición de outono do VI Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping. O primeiro clasificado foi a xoiaría Katuxa Platero; o segundo a tenda de chocolates Xocoátel; e o terceiro o estabelecemento de doces Pecados de Compostela.

A esta edición de outono presentáronse 23 comercios pertencentes a trece sectores de actividade distintos, entre os que predominaban os de calzado, artesanía, alimentación e moda. A lista de inscritos tamén incluía estabelecementos especializados en xoiaría, decoración, óptica, xoguetes, complementos, seguridade, puericultura, cosmética e perruquerías.

O comercio clasificado en primeiro lugar foi Katuxa Platero. Xoiaría de autor, situada na rúa do Vilar, número 45. O xurado valorou a novidade da composición sobre fondo negro, inspirada no mundo da pintura. O sinxeleza do conxunto, con dous farois e libros de arte como complemento ás xoias expostas, destaca, segundo o xurado, pola súa elegancia e orixinalidade.

O segundo premio acadouno a tenda de chocolates Xocoátel, situada na avenida de Rosalía de Castro, número 3. O xurado valorou a sensación de calor que transmite o escaparate ante a chegada do frío. No escaparate destaca unha máquina de chocolate sobre unha mesa, e tazas con distintos chocolates do mundo, colocadas estratéxicamente, convidando ás persoas que pasan pola rúa a tomar un chocolate quente.

O terceiro premio acadouno a tenda de delicatessen Pecados de Compostela, situada no cantón do Toural, número 5. O xurado tivo en conta a evocación que se fai dou outono, nunha coidada composición na que predominan as formas outonais, como bombóns con forma de castañas, e as cores propias desta estación do ano: distintos tonos de marróns e laranxas.

Orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe
O xurado estaba integrado por asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia. Segundo establecen as bases valora conceptos como a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. Na súa decisión prima tanto o escaparate como o interior do comercio.

Os premios para os comercios gañadores consisten en campañas publicitarias a nivel local por valor de 5.156 euros para os primeiros clasificados en cada unha das edicións, de 2.306 euros para os segundos, e de 1.682 euros para os terceiros clasificados. Contabilizando as catro edicións, no VI Concurso de Escaparatismo está previsto repartir 36.581 euros en premios.

Na edición de primavera os estabelecementos gañadores foron, por este orde, Tokonoma Iluminación, Xoguetería Vagalume e Xocoátel; e na de verán Pecados de Compostela, Óptica Pontecastro e Sistemas de Seguridade A-1.

Compartir: