CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia, Ute Lemper e Die Singphoniker celebran cun concerto o 20 Aniversario do Auditorio de Galicia

28/10/2009 O xoves 29 de outubro, o Auditorio de Galicia conmemora os seus primeiros vinte anos de vida cun concerto especial. A Real Filharmonía de Galicia, orquestra residente no auditorio compostelán, preparou para a ocasión un concerto moi especial que contará coa cantate Ute Lemper e co coro alemán Die Singphoniker. Todo baixo a batuta do seu principal director convidado, Paul Daniel.

O groso do programa está formado pola obra de Kurt Weill Os sete pecados capitais. O concerto tamén incluirá outras pezas de Weill na voz de Ute lemper, a estrea dunha obra composta a propósito do aniversario e La Belle Excentrique, de Satie. En definitiva, será un concerto algo diferente do resto de citas da temporada, pensado para a celebración do aniversario do edificio cultural máis emblemático de Compostela.

O Auditorio de Galicia foi inaugurado en 1989 coa vontade de consolidar a oferta cultural da capital de Galicia. Moderno emblema da cidade, versátil e funcional, foi proxectado polos arquitectos Julio Cano Lasso e Diego Cano Pintos. Nestes 20 anos converteuse no centro por excelencia para a recepción das manifestacións culturais que xera a cidade e punto de referencia obrigada para a cultura musical e artística de Galicia. Dende 1996 é, ademais, a sede permanente da Real Filharmonía de Galicia.

Ute Lemper
A diva da canción Ute Lemper, coñecida polas súas actuacións de cabaret e as súas aparicións en televisión, chega a Santiago cun repertorio de obras de Kurt Weill, compositor moi querido pola alemá. A súa carreira é extensa e variada e abrangue tanto o escenario como o cine ou o concerto. Foi eloxiada a nivel internacional polas súas interpretacións das Berlin Cabaret Songs, da obra de Kurt Weill e da chanson francesa, así como polas súas actuacións en Broadway.

O seu novo álbum, Ute Lemper: Between Yesterday and Tomorrow (outono 2008), é unha peza única dentro da totalidade da súa obra, xa que todas as cancións son composicións da mesma Ute Lemper. Das súas aparicións cinematográficas destacan Combat de Fauves e Appetite. Xunto a ela actuarán os coñecidos cantantes de Die Singphoniker. O encargado de dirixir será o británico Paul Daniel, principal director convidado da Real Filharmonía dende 2007.

Estrea dunha obra homenaxe ao Auditorio
O director titular da orquestra santiaguesa, Antoni Ros Marbà, tamén terá o seu protagonismo, pero esta vez non como director, senón como compositor, a súa outra faceta, menos coñecida. O programa incluirá a estrea dunha obra composta polo mestre titulada Fanfarras para unha celebración, e que foi composta como homenaxe ao Auditorio de Galicia.

Tal e como recorda o músicólogo Juan Gil nas notas ao programa editadas para a ocasión, "o carácter conmemorativo desta obra adquire ademais un matiz persoal convertida ao mesmo tempo en homenaxe á Real Filharmonía, á fronte da que o compositor leva nove anos, e, por extensión, aos lazos que o unen con Santiago de Compostela cuxa dimensión acústica aparece por momentos representada nos ecos das campás. Co propósito de plasmar este afecto, Ros Marbà utiliza numerosas citas do repertorio popular reharmonizadas e fragmentadas, retando ao oínte nun premeditado xogo de adiviñas que non desvelaremos aquí."

Compartir: